As medidas tributarias aprobadas polo Goberno galego permitiron aforrar á cidadanía máis de 1.600 M€ desde o 2020
O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento
Afirmou que os orzamentos de 2026 están deseñados para dar seguridade a familias e empresas e seguir construíndo a Galicia Calidade do futuro
Miguel Corgos destacou a importancia do peso dos recursos propios para compensar a caída do financiamento dos fondos MRR
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025
As medidas tributarias aprobadas polo Goberno galego permitiron aforrar á cidadanía máis de 1.600 millóns de euros desde o ano 2020. Así o destacou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na súa comparecencia hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma e as contas do seu departamento para o vindeiro ano.
Durante a súa intervención, Miguel Corgos incidiu en que, para a elaboración dos orzamentos, o Goberno galego analiza en cada momento as necesidades da cidadanía, así como o contexto a nivel nacional e internacional, co obxectivo de deseñar unhas contas que permitan facer fronte aos novos retos que se lle presentan a Galicia e dar resposta ás demandas dos galegos e das galegas.
En sede parlamentaria, lembrou as rebaixas fiscais xa consolidadas e as novidades para os orzamentos do vindeiro ano, salientando que no IRPF Galicia está entre as CC.AA. con mellor tratamento fiscal para rendas medias e baixas. Miguel Corgos puxo como exemplo que, de media, un contribuínte galego pagou no IRPF do ano 2024 case 500 euros menos que en 2009.
No que respecta ao Imposto de Sucesións, a Comunidade ten o mellor tratamento de España para familiares directos (1M€ exento) e, para a adquisición de vivenda, no Imposto de Transmisións Patrimoniais mantéñense os tipos reducidos para os colectivos prioritarios (desde o 7% ata a supresión en zonas pouco poboadas).
Lembrou, ademais, que Galicia foi pioneira en España en implantar o programa Impostos 0 no Rural, que elimina a tributación de operacións como a transmisión de solo rústico ou de explotacións agrarias.
Engadiu Miguel Corgos que, máis alá das rebaixas, os galegos desfrutan doutros beneficios fiscais, como o feito de que, dende hai tres anos, a galega foi a primeira comunidade en establecer a gratuidade para o ensino infantil, para o período de 0 a 3 anos, medida que se consolida, cun aforro medio anual para as familias superior a 2.000€. Ademais, o curso pasado, Galicia foi a primeira C.A. con matrícula gratuíta nas universidades, con 700 euros de aforro por curso universitario.
En total, os beneficios fiscais en 2026 subirán ata os 793 M€, e Corgos destacou que o 88% do total son de carácter social.
En sede parlamentaria, o responsable da Facenda galega subliñou que os orzamentos de 2026 están deseñados para dar seguridade a familias e empresas, e para seguir construíndo a Galicia Calidade do futuro, unha comunidade con estabilidade institucional e política que favorece a estabilidade financeira.
Os grandes obxectivos para o 2026 son seguir medrando e creando emprego de calidade de maneira sostida; reforzar os servizos públicos, con case 10.600 M€, a cifra máis alta da historia para a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego; favorecer o acceso á vivenda, coa previsión de duplicar nesta lexislatura o parque público, e continuar a modernización dos sectores produtivos cunha aposta decidida pola innovación e polo talento.
Para isto, a Xunta acaba de elaborar un orzamento que ascende a 14.240 millóns de euros, o máis alto desde sempre, un 2% superior ao deste ano e, por terceiro ano consecutivo, sen recorrer ao endebedamento. Para Corgos, o traballo realizado por Galicia durante moito tempo ten permitido blindar a solvencia e a sustentabilidade das contas públicas.
A importancia dos recursos propios
O conselleiro de Facenda puxo en valor que o 99% dos recursos orzamentarios de 2026 xa estará sustentando en financiamento ordinario para compensar o remate dos recursos extraordinarios postpandemia. De feito, o financiamento ordinario medrou en case 4.500 M€ nos últimos cinco anos.
Corgos reafirmou tamén o compromiso do Goberno galego co financiamento das entidades locais, cunha achega para o vindeiro ano de 670 M€, case 30 M€ máis que o ano pasado, o que supón o maior esforzo da historia da Xunta no financiamento dos concellos e entidades locais.
Plan Estratéxico de Galicia 2030
O conselleiro de Facenda fixo un repaso polas cifras de crecemento da Comunidade galega, e afirmou que no ano 2026 “encadearemos seis anos de crecemento sostido e de creación de emprego”. Galicia segue mellorando a súa converxencia, dixo, cunha tendencia mellor que a media. De feito, desde o ano 2019, a Comunidade galega avanzou 6,6 puntos en PIB per cápita a prezos constantes, máis do dobre da media de España (3 puntos) e 1,5 puntos por riba da UE-27.
Para Miguel Corgos estes datos permiten afirmar que a folla de ruta deseñada ata 2030 no Plan Estratéxico de Galicia (PEG) está “funcionando razoablemente”. Será co peche dos datos de 2025 cando se fará unha análise de todos os indicadores, tanto deste exercicio como do pasado, “para realizar en 2026 a avaliación intermedia prevista no PEG”.
As contas de Facenda
Miguel Corgos abordou, tamén, as contas do seu departamento e destacou que en materia de persoal, apóstase por seguir modernizando a Función Pública e por mellorar as condicións de traballo do empregado público, para ter un persoal motivado e ben formado.
Canto aos retos de futuro nesta área, tras finalizar o proceso de estabilización, que beneficiou a máis de 5.500 empregados públicos, continuarase coa remuda xeracional de 5.000 efectivos nos vindeiros cinco anos. Anunciou tamén, para o vindeiro ano, o decreto que desenvolverá o sistema de recoñecemento da carreira profesional.
En materia de Fondos Europeos, o responsable da Facenda autonómica defendeu seguir optimizando a súa xestión para maximizar estes recursos, rematando a execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e facendo o seguimento de FEDER, FSE+ e Fondo de Transición Xusta para garantir unha xestión eficaz e transparente. Tamén avogou por seguir mellorando a comunicación e a visibilidade dos fondos europeos para que a cidadanía coñeza o impacto positivo da súa execución, mentres se segue reclamando unha maior participación das comunidades na xestión destes fondos para o novo período plurianual 2028-2034.
No eido da Simplificación Administrativa, o conselleiro de Facenda reforzou a idea dunha administración máis sinxela e próxima á cidadanía, impulsando os servizos proactivos e simplificando procedementos e o acceso aos servizos públicos, para reducir as cargas burocráticas.
En materia de Patrimonio, seguirase afondando no plan de reducir, aínda máis, o importe que se paga en concepto de arrendamentos por parte da Xunta de Galicia, intentando, ao mesmo tempo, maximizar a ocupación dos edificios en réxime de propiedade. A esta estratexia contribuirá a posta en funcionamento do novo edificio administrativo de San Caetano, que suporá a unificación neste espazo de persoal ata agora disperso en varios edificios e oficinas, ademais dun novo aforro na partida de alugueiros.
En relación á ATRIGA, Corgos recordou que 2026 será o primeiro ano que asumirá o 100% da xestión da recadación de tributos. Ademais, continuará facilitando o cumprimento das obrigas na confección de autoliquidacions, porá en marcha a videoasistencia e traballará en novas prestacións a través da APP.
En canto á loita contra a fraude explorará novas liñas de aplicación dos medios tecnolóxicos, en especial a Intelixencia Artificial, para mellorar os procesos.
Por outra banda, desde a AMTEGA seguirase afondando no desenvolvemento da Intelixencia Artificial, coa aprobación do plan galego de IA para o seu impulso en todos os ámbitos.
No eido da Administración e Goberno Dixital, avanzarase coa posta en marcha do nodo de información cidadá e continuarase co Plan de Automatización Intelixente de Procesos.
Ademais, a IA tamén axudará a simplificar a linguaxe e facilitar a relación das persoas e as empresas coa administración. Así mesmo, reforzarase a formación en Competencias Dixitais da cidadanía. E, coa colaboración do sector tecnolóxico galego, apoiarase ás empresas galegas na súa transformación dixital, facilitándolles a adquisición de novas competencias, capacidades e a incorporación de tecnoloxías innovadoras, que lles permitan gozar de vantaxes competitivas; co fin de que se produza un impacto real no tecido produtivo.
Por último, o conselleiro de Facenda subliñou que en 2026 finalizarase a construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) en Ourense, para contribuír ao fortalecemento da ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo; e impulsar o desenvolvemento de talento especializado nesta materia.
O centro será un punto de encontro e elemento de apoio para calquera iniciativa de ciberseguridade que teña lugar na Comunidade e traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais –a través da Fegamp-, coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector.
 
											
											 
											
											 
									 
									