A Xunta apoia as xornadas ‘Visibles: Moda inclusiva e cultura sen barreiras’ que a asociación ASCM organiza hoxe e mañá no campus de Esteiro e Neda
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros realizou esta mañá un percorrido polo mercado de produtos artesanais, unha das actividades desta iniciativa financiada a través do programa Iniciativa Xove da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Ferrol, 23 de outubro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou esta mañá unha visita ao mercado de produtos artesanais organizado pola asociación sociocultural ASCM no campus de Esteiro no marco das xornadas Visibles: Moda inclusiva e cultura sen barreiras, que organiza co apoio do Goberno galego.
A iniciativa, orientada ao alumnado universitario e aberta ao público en xeral, conta coa colaboración de diferentes empresas do entorno polo que se articula como espazo de encontro entre firmas, emprendedores e comunidade universitaria onde promover a inclusión, a creatividade e a participación xuvenil.
Para a organización destas xornadas, a ASCM contou cunha achega autonómica de preto de 5.000 euros a través da convocatoria do programa Iniciativa Xove da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Trátase como indicou Aneiros, dun programa pioneiro de participación xuvenil posto en marcha pola Xunta para potenciar o liderado e as competencias transversais para a empregabilidade da mocidade, a través do financiamento de proxectos pensados e xestionados polas propias mozas e mozos.
O programa das xornadas Visibles: Moda inclusiva e cultura sen barreiras, inclúe tamén un desfile inclusivo e unha mesa redonda que se celebrarán esta tarde na sede da entidade. Mañá a actividade trasladarase á Casa da Cultura de Neda onde se levará a cabo unha representación teatral.