O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os requisitos para acollerse a estas achegas

A Xunta convoca a orde de axudas para compensar os gastos do servizo de comedor das escolas infantís de iniciativa social

O orzamento desta liña de subvencións supera os 1,2 millóns de euros e permitirá a estes centros ofertar o servizo de comedor co mesmo custo que ten nos da rede pública autonómica

As familias pagarán en función da renda, sendo o prezo máximo a aboar de 74 euros mensuais e gratuíto para aquelas con menos ingresos

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica unha nova convocatoria de axudas económicas para compensar os gastos do servizo de comedor das escolas infantís de iniciativa social no presente curso 2025-2026, nas que a atención educativa xa é de balde para todo o alumnado. Estas achegas teñen carácter retroactivo, polo que os centros recibirán a contía que lles corresponde desde o pasado mes de setembro, cando comezaron as clases.

O orzamento desta liña de achegas supera os 1,2 millóns de euros e, a través dela, estes centros para nenos de 0 a 3 anos que dependen de entidades sociais sen ánimo de lucro poden ofertar ás familias o servizo de comedor a prezos reducidos, é dicir, co mesmo custo que rexe para as escolas infantís da rede pública autonómica.

Así, grazas a estas subvencións, as familias que levan aos seus fillos a estes centros de iniciativa social pagan o comedor en función das súas rendas. O prezo máximo que teñen que aboar é de 74 euros mensuais e aquelas que teñen menos ingresos non pagan nada polo servizo.

O prazo de presentación de solicitudes para as escolas de 0 a 3 anos interesadas nestas achegas comezará ás 08.00 horas do sexto día hábil seguinte ao publicación desta orde no DOG e finalizará ás 23.59 horas do día en que se cumpra un mes desde a data da apertura de dito prazo. As instancias presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicas, utilizando para elo o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No curso pasado, acolléronse a esta convocatoria de axudas 43 centros dependentes de entidades de iniciativa social, sumando un total de 2.172 prazas.

Apoio aos fogares

Esta actuación enmárcase na aposta do Goberno galego por apoiar ás familias na crianza dos fillos, con medidas como a gratuidade para todo o alumnado do 100% das escolas infantís, sexan públicas, de iniciativa social ou privadas ou a Tarxeta Benvida, que permite sufragar os gastos que supón a chegada dun novo membro á familia.

Outras iniciativas neste ámbito son: o Bono Concilia Familia, para as familias nas que os proxenitores traballan e teñen que contratar un servizo de conciliación a domicilio ou un campamento; e as Casas Niño, que ofrecen unha atención gratuíta a máis de 500 familias que viven en concellos rurais onde non hai unha escola infantil. 

Data de actualización: 28/10/2025