A Xunta inclúe no novo Catálogo de bens de valor cultural no litoral un total de 1.582 construcións

De todos os elementos inventariados ao longo da costa galega, máis da metade serían susceptibles de novos usos compatibles coa conservación dos seus valores

O catálogo sométese desde hoxe ao trámite de información pública e a partir de mañá os interesados poderán enviar as súas achegas e alegacións ao texto orixinal

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025

A Xunta somete desde hoxe a información pública o novo Catálogo de bens de valor cultural no litoral, un documento que identifica no conxunto da costa galega un total de 1.582 elementos que destacan polo seu valor patrimonial, arquitectónico ou cultural, entre outros.

De todos os inmobles inventariados e incluídos no documento, un total de 812 (é dicir, o 51,3%) pertencen ás categorías de bens arquitectónicos ou industriais polo que poderían ter outros usos a futuro compatibles coa súa conservación e protección.

Aínda que non se materialice en todos os casos, esta vía abre novas posibilidades para a recuperación dalgúns destes bens —entre os que hai faros, muíños, antigas fábricas e outros edificios de carácter industrial— mediante a execución de proxectos que sexan compatibles e respecten os valores e características que precisamente lle valeron a súa catalogación. Ademais, este tipo de iniciativas tamén poden contribuír ao desenvolvemento sostible da costa e con el, á súa revitalización.

Cómpre lembrar que o Catálogo de bens de valor cultural do litoral é unha das primeiras medidas estratéxicas impulsadas pola Xunta en aplicación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que inclúe dentro das actuacións clave para o desenvolvemento sostible da costa aquelas intervencións destinadas a poñer en valor o patrimonio cultural existente a pé de mar.

Neste sentido, trátase dunha ferramenta inédita en Galicia que permitirá dar un salto cualitativo na xestión do patrimonio costeiro xa que impulsará a rehabilitación e posta en valor de bens ligados ao mar cun valor arquitectónico, histórico, cultural ou industrial co fin de darlles unha segunda vida.

Un total de 1.582 bens catalogados

Como punto de partida tomouse un inventario realizado polo Goberno galego no ano 2019 e no que se recollían 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salgaduras, conserveiras...) dos que se tiña unicamente información moi básica.

A partir de aí e grazas a un exhaustivo traballo de campo realizado este verán nos 86 concellos galegos nos que se aplica a Loxilga, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático coa colaboración da de Cultura, Lingua e Xuventude actualizou, ampliou e enriqueceu, tanto cuantitativa como cualitativamente, o inventario inicial, dando lugar ao catálogo que se someterá agora a información pública durante un mes.

Identificáronse en total 1.582 bens no litoral galego e en función das tipoloxías previstas na Lei do patrimonio cultural de Galicia, a meirande parte (630) aparecen clasificados como de tipo arquitectónico; 392 son arqueolóxicos; 348 son etnolóxicos; 182 encaixan na categoría industrial; e 12 cualifícanse como artísticos. A maiores, hai outros 18 bens incluídos no catálogo pero pendentes aínda de confirmar en cal dos grupos se clasifican, xa que poderían encaixar en varias tipoloxías.

En canto ao reparto por provincias, destaca o litoral da Coruña, que concentra 817 do total de bens de valor cultural identificados, seguida da costa de Pontevedra, con 640, e da de Lugo, con 125 elementos incluídos no catálogo.

Cómpre subliñar, ademais, que todas aquelas edificacións costeiras pertencentes ás categorías arquitectónica e industrial —un total de 812 en toda Galicia segundo consta no documento que se somete agora a información pública— serían susceptibles de solicitar un cambio de uso respecto daquel para o que foron concibidas orixinalmente sempre que sexa compatible coa súa conservación e protección.

Toda a información recompilada sobre cada un dos bens inventariados —que se presenta a través das correspondentes fichas, de forma individualizada ou agrupada segundo o caso— está xa á disposición no Portal de transparencia e a partir de mañá e ata o 1 de decembro os interesados poderán presentar as súas achegas e suxestións ao catálogo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/10/2025