A conselleira de Política Social e Igualdade visitou hoxe en Boqueixón a un beneficiario das achegas que concede a Xunta

Fabiola García esixe ao Goberno central que as axudas para persoas con ELA cheguen a todos os doentes e non só aos que están na fase máis avanzada da enfermidade

A conselleira explicou que, cos condicionantes impostos polo Executivo central, os apoios económicos comprometidos chegarán só ao 5 % dos doentes

A Xunta convocará en 2026, e por cuarto ano consecutivo, as axudas de 12.000 € anuais que reciben aproximadamente 200 galegos, que están dispoñibles para o 100 % das persoas afectadas

Boqueixón (A Coruña), 29 de outubro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, volveu esixir esta mañá que todas as persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) teñan acceso ás axudas comprometidas polo Goberno central e que estas achegas non se reserven só para as persoas que se atopan nas fases máis avanzadas da enfermidade. Así o reclamou tras visitar esta mañá o domicilio de Manuel, un dos doentes diagnosticados con esta enfermidade que é coidado pola súa muller, Cruz, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades e as da súa familia.

Fabiola García destacou que o Real Decreto-lei 11/2025 aprobado a pasada semana polo Executivo central establece que os apoios económicos derivados da Lei ELA só estarán destinados aos doentes que que obteñan o Grao III+ de dependencia extrema, un grao que estará reservado para as persoas que se atopen nunha fase moi avanzada da enfermidade. Polo que, a conselleira explicou que “quedarán fóra os que se encontren en fases iniciais e intermedias da ELA, que precisan de toda a axuda posible para continuar mantendo a súa calidade de vida”. Neste sentido, precisou que se estima que estas achegas chegarán só ao 5 % dos doentes.

Tras a visita, na que estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, a conselleira fixo fincapé no feito de que, ademais de facer fronte á enfermidade, os doentes teñen que afrontar tamén numerosos gastos para adquirir produtos de apoio como cadeiras de rodas; adaptar o fogar ás novas necesidades con melloras, por exemplo, de accesibilidade; ou para recibir atención fisioterapéutica ou de rehabilitación.

Fabiola García lembrou que, pola súa banda, a Xunta continúa co seu apoio ás persoas diagnosticadas con ELA. Así, explicou que en 2026 o Goberno galego convocará por cuarto ano consecutivo as axudas de 12.000 € anuais que reciben aproximadamente 200 galegos. Unhas achegas que, segundo explicou, “chegan ao 100 % dos afectados, son compatibles con calquera outra axuda pública e polas que o vindeiro ano non terán que tributar nada”.

Por último, a conselleira lembrou que a Xunta, ademais das axudas, tamén habilitou un proceso clínico para axilizar o diagnóstico e atención das persoas con ELA e puxo en marcha unha vía preferente na valoración de dependencia para que accedan ao servizo no menor tempo posible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2025