Diego Calvo pon en valor o traballo do Banco de Alimentos Rías Altas e anima á cidadanía a participar na gran recollida da próxima semana
A Coruña, 31 de outubro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe o Banco de Alimentos Rías Altas da provincia da Coruña, onde puxo en valor o papel fundamental desta entidade na loita contra a desigualdade social grazas ao traballo dos voluntarios e colaboradores para garantir o acceso a recursos básicos e bens de primeira necesidade a persoas en situación de vulnerabilidade. Por iso, reafirmou o compromiso da Xunta con estas entidades.
Ademais, na visita de hoxe fíxose un chamamento á participación e colaboración cidadá na Gran Recollida de alimentos previa ao Nadal, anotándose como persoas voluntarias ou ben contribuíndo cunha doazón. Esta cita solidaria celebrarase o venres 7 e o sábado 8 de novembro nas principais cadeas de alimentación da provincia coruñesa, ao igual que no resto de España.
 
											
											 
									 
										