O presidente da Xunta de Galicia participou hoxe no acto de entrega da nova residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega, sita no barrio ferrolán do Bertón

Rueda salienta que a nova residencia pública de Ferrol reforza o compromiso de Galicia por ofrecer a mellor atención aos maiores en toda a comunidade

O novo centro conta con 120 prazas e 6.500 metros cadrados de zonas verdes

Avanza que o Consello do vindeiro luns aprobará o inicio da licitación da xestión do centro para axilizar a posta en marcha da residencia

A Xunta destina unha cifra récord de 1.391 millóns de euros a Política Social nos orzamentos de 2026, un 5% máis que o exercicio anterior

O vindeiro ano destinaranse 844 millóns á atención á dependencia e á mellora dos servizos sociosanitarios, que permitirán superar as 100.000 persoas dependentes atendidas en Galicia

Ferrol, 31 de outubro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado  pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participou hoxe no acto de entrega da nova residencia pública de maiores do barrio do Bertón, en Ferrol, unha infraestrutura chamada a converterse en referente galego e nacional polo seu modelo innovador de coidados e pola calidade das súas instalacións.

Rueda salientou que esta é xa a quinta residencia autonómica financiada, construída e equipada pola Fundación Amancio Ortega, dentro dun convenio asinado en 2019 coa Xunta para a creación de sete centros deste tipo, un en cada cidade galega. O presidente subliñou que este proxecto é unha mostra exemplar do que se pode acadar a través da colaboración público-privada, impulsando iniciativas que melloran a vida das persoas e deixan unha pegada duradeira nas cidades galegas: “Comprobamos por quinta vez consecutiva que esa aposta ambiciosa, que parecía un pouco utópica, agora é unha feliz realidade”, sinalou Rueda.

O mandatario galego apuntou que nestes momentos as residencias de Santiago e Lugo xa están en funcionamento, mentres que a de Pontevedra recibiu aos primeiros residentes hai unhas semanas e a da Coruña porase en marcha nas vindeiras semanas. 

A Fundación está a investir máis de 180 millóns de euros na construción destas sete residencias, que suporán en total a creación de 900 novas prazas públicas e máis de 800 empregos directos e indirectos. Rueda destacou o compromiso da entidade e expresou o agradecemento de Galicia pola súa colaboración e pola confianza depositada na Comunidade: “Agradezo moitísimo este esforzo. Agora tócalle á Xunta de Galicia traballar para que a xente que veña aquí, máis de cen persoas, poidan desfrutar destas magníficas instalacións”, resaltou o presidente.

A nova residencia do Bertón conta con 120 prazas e máis 6.500 metros de zonas verdes e espazos abertos. O presidente avanzou que o vindeiro luns, 3 de novembro, o Consello da Xunta aprobará o inicio da licitación da xestión deste centro, co obxectivo de garantir a máxima axilidade administrativa e que a residencia poida estar a pleno rendemento o antes posible.

Rueda subliñou tamén que o novo edificio está integrado nun entorno urbano en crecemento, no que a Xunta proxecta máis de 360 vivendas públicas, e considerou que esta actuación supón unha aposta pola revitalización urbana e polo equilibrio territorial, xerando emprego, servizos e oportunidades en Ferrol e en toda Galicia. 

Reforzando a atención ás persoas maiores

O titular do Goberno galego lembrou que a atención ás persoas maiores é unha prioridade da Administración, como amosa o incremento sostido do orzamento en Política Social, que alcanzará en 2026 unha cifra récord de 1.391 millóns de euros, un 5% máis que o exercicio anterior: “O ano que ven seguiremos tendo claro que a aposta polas persoas, a política social, ten que ser fundamental”, apuntou. Dentro desta contía, 844 millóns destinaranse á atención e á mellora de servizos sociosanitarios, o que permitirá superar as 100.000 persoas dependentes atendidas en Galicia. 

Ademais, destacou que a Xunta seguirá ampliando recursos con novas residencias, máis prazas e programas para combater a soidade non desexada e o idadismo, cunha visión positiva do envellecemento como oportunidade para fortalecer a cohesión social e demostrar que Galicia coida dos seus: “Na política social, para ofrecer servizos de calidade, hai que facer sempre un esforzo. Que nunca vai ser dabondo, pero canto máis esforzo fagamos, máis se vai notar”, destacou Rueda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2025