A Xunta pon en valor o Plan de transporte público de Galicia ao que en 2026 se destinarán máis de 160 M€ para o funcionamento do servizo e o mantemento das bonificacións
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, explicou no Parlamento galego que o Goberno galego trata de ofrecer solucións ás demandas da cidadanía coa dotación de máis prazas e frecuencias e axustes de horarios para adecuar a oferta de servizos ás novas necesidades
Diego Calvo lembrou que o Goberno galego traballa tamén na licitación de novos contratos como os da comarca do Barbanza ou do sur de Pontevedra
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor hoxe no Parlamento de Galicia o importante investimento realizado pola Xunta a través do Plan de Transporte Público de Galicia, que segundo recollen os orzamentos de 2026, ascende a 160 millóns de euros, o que permite que “o 97% dos galegos teñen unha parada de autobús interurbano a menos de un quilómetro do seu domicilio”.
O Goberno galego destina esta contía ao funcionamento das catro modalidades de transporte -interurbano, integrado, escolar e de apoio á mobilidade persoal- e ao mantemento das bonificacións, cofinanciadas polo Estado, como a Tarxeta Xente Nova e a tarifa +65, que permiten a gratuidade de 60 viaxes ao mes para menores de 21 anos e maiores de 65 anos, respectivamente.
Na súa intervención durante a interpelación, incidiu en que este plan contribuíu nos últimos anos a ofrecer un servizo de calidade, útil e eficiente como se reflicte no aumento de 2.700 liñas novas, 38.800 novas paradas e 1,3 millóns de servizos máis que en 2016. Tamén se demostra -engadiu- no aumento da demanda con 38 millóns de persoas usuarias -incluíndo o transporte escolar- en 2024, un 64% máis que en 2019.
Deste xeito, a Xunta trata de ofrecer respostas e solucións ás demandas da cidadanía con medidas para adecuar a oferta de servizos ás novas necesidades, xa sexa coa asignación de máis prazas como nas liñas Fisterra-Cee, Ferrol-Ares-Mugardos, Betanzos-A Coruña ou Lugo-Santiago; con reforzos tendo en conta os recursos dispoñibles nas concesións como é o caso das liñas Ferrol-A Coruña, Sada-Oleiros-A Coruña, Ourense-Vigo, Ourense-Verín e Vigo-A Coruña. Tamén fixo referencia a outros cambios de frecuencias e axustes de horarios, en moitos casos para atender as necesidades dos institutos de Bacharelato e Formación Profesional.
Diego Calvo engadiu que, nos supostos que se chega ao límite da flexibilidade que permiten os contratos, se traballa na nova licitación de varios contratos. Nesta liña, puxo como exemplo o proxecto de explotación do servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada da comarca do Barbanza, que vén de someterse a información pública e do que se están a analizar as alegacións recibidas antes da súa saída a concurso público. Así, o Goberno galego redeseña os servizos para atender as necesidades reais de mobilidade da comarca, coa mellora das conexións na bisbarra e con Santiago de Compostela.
Do mesmo xeito, para cubrir os cambios na área do sur de Pontevedra, a Xunta tamén acordou o pasado setembro resolver os cinco contratos coa UTE Lugove, concesionaria das liñas que operan nas comarcas do Condado, Paradanta e Baixo Miño, e configurar os novos contratos de explotación adaptados ás necesidades actuais para sacalos tamén a concurso público.
Como detallou Diego Calvo nunha pregunta posterior, neste caso, levarase a cabo unha reestruturación integral do transporte da zona para dar resposta ao incremento da demanda e ás necesidades das persoas usuarias. Así, o mes pasado recolléronse as propostas dos 18 concellos afectados e unha vez analizadas convocarase a estes municipios para abordar as melloras, como paso previo á presentación do deseño final e á tramitación da licitación do novo contrato. Cómpre aclarar que ata a implantación dos novos servizos o transporte interurbano está garantido e nun prazo máximo de 12 meses, a concesionaria actual prestará o servizo baixo as condicións fixadas pola Xunta.
O conselleiro aclarou que o traballo de revisión continua do servizo e todas as medidas, axustes e modificacións realizadas na zona que contribuíron a incrementar a demanda con 630.000 persoas usuarias en 2024 no autobús interurbano nos concellos do Baixo Miño e na súa conexión con Vigo, un 11% máis que en 2023. Así, engadiu que, tendo en conta que se chegara a un límite que non permitía máis marxe de manobra, por iso agora se está a abordar cos concellos as propostas para a licitación do novo contrato.