A Xunta realiza labores de conservación fluvial en preto de 1,1 quilómetros no río Santa Lucía, en Teo

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de catro semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en preto de 1,1 quilómetros no río Santa Lucía, no concello de Teo.

En concreto, as tarefas, que xa foron comunicadas ao concello e que se prolongarán durante arredor de catro semanas, desenvolveranse en varios tramos do río Santa Lucía, ao seu paso polas parroquias de Santa Baia de Oza, Santa María de Baamonde e Santa Mariña de Lucí.

Os traballos consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e realizaranse coa aplicación de motoserras e outras ferramentas manuais. Ademais, o persoal contará co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor e unha carretilla.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025