A conselleira de Política Social e Igualdade participou na reunión celebrada esta mañá

Fabiola García lamenta na Conferencia sectorial de Infancia a falta de financiamento e planificación para o traslado a Galicia de máis de 300 menores migrantes

A conselleira celebra a retirada da orde do día da proposta do Goberno central de reducir a 15 prazas o tamaño dos centros de protección, unha cuestión á que se opuxeron a totalidade das comunidades e que poría en perigo o sistema

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, volveu lamentar esta mañá, durante a Conferencia sectorial de Infancia e Adolescencia, que o Goberno central siga adiante coa imposición do traslado a Galicia de máis de 300 menores migrantes non acompañados e que se faga sen financiamento e sen planificación. Na súa intervención, instou ao Executivo central a facilitar fondos a todas as comunidades autónomas para a atención integral destes menores.

Neste sentido, a conselleira explicou que Galicia votou a favor do reparto de fondos ás comunidades que están tendo maiores dificultades, Canarias, Baleares e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, por solidariedade e porque a Xunta é consciente de que son as que están acusando en maior medida a cuestión migratoria. Con todo, insistiu en que o Goberno central “debe facilitar fondos a todas as comunidades autónomas para atender adecuadamente aos menores migrantes”, xa que esta situación, explicou, “é consecuencia da falta de control en fronteira, unha competencia exclusiva do Estado”.

Fabiola García celebrou a retirada da orde do día, ante a oposición frontal da totalidade das comunidades autónomas, do punto informativo sobre o real decreto mediante o que o Goberno central pretende reducir o tamaño dos centros de protección a un máximo de 15 prazas. A conselleira denunciou que esta intención do ministerio, que xa fora rexeitada na comisión preparatoria e polo tanto non podería incluírse na sectorial, suporía unha invasión das competencias autonómicas e tería un impacto directo sobre a sostibilidade do sistema de protección galego, obrigando a reducir 250 prazas. Ademais, esta obrigación fomentaría a institucionalización dos menores.

Por último, a conselleira denunciou que, á hora de establecer os criterios de reparto, Galicia vese penalizada debido á súa aposta polo acollemento familiar. Fabiola García explicou que esta aposta da Xunta, que ten convertido a Galicia na segunda autonomía con mellores datos de España, penaliza á comunidade ao ter menos prazas residenciais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025