A Xunta destaca a implicación dos axentes locais para o desenvolvemento do modelo turístico
A directora de Promoción de Turismo de Galicia participou na entrega do premio Grove de Ouro á empresa construtora Álvarez Prol, con máis de 60 anos de experiencia
O Grove (Pontevedra), 7 de novembro de 2025
A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participou este venres na XIX Cea Baile Anual e entrega do premio Grove de Ouro da Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servicios EMGROBES. O galardón concedeuse á empresa construtora Álvarez Prol, un negocio familiar con máis de 60 anos de experiencia, con proxectos tanto públicos como privados.
Na entrega do galardón destacouse o papel da empresa na creación de emprego e na promoción da economía local; uns elementos que entroncan directamente coa Estratexia de Turismo 2030, que pon o foco nun desenvolvemento sostible e responsable, no que a poboación residente xoga un papel esencial. Neste sentido, Carmen Pita recalcou a necesidade de integrar á cidadanía no desenvolvemento turísticos de cada territorio, a través de proxectos propios, que xeren postos de traballo e riqueza.
A directora de Promoción sinalou, na liña da Estratexia 2030, como se relacionan turismo, sostibilidade e poboación. Neste sentido, avanzou que é preciso afondar nun marco de gobernanza no que se inclúa á cidadanía, tal e como se está a traballar desde Turismo de Galicia. Deste modo, non só se abundará na autonomía do modelo senón que se mellorará a percepción desta actividade.
Datos turísticos
A zona da Ría de Arousa e o Salnés é unha das que contribúen decisivamente á demanda hoteleira de Galicia. Ata agosto de 2025, acadouse un rexistro de máis de 1M de noites en aloxamentos hoteleiros da comarca, e 392.120 turistas. O 80% era procedente do mercado nacional e o restante 20% do internacional.