A Xunta entrega formalmente á AECC de Lugo os fondos recadados no Día da Bicicleta de Vilalba en beneficio da entidade
Vilalba (Lugo), 10 de novembro de 2025
A Xunta entregou formalmente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) lucense os fondos recadados en beneficio da entidade no Día da Bicicleta de Vilalba, organizado pola Espazo Xove da localidade.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o presidente da AECC na provincia, José Manuel Rozas, participaron no acto, onde explicaron que grazas a esta iniciativa solidaria apórtanse 8.178 euros para apoiar o labor que desenvolve o colectivo en favor das persoas enfermas de cancro e as súas familias.
A recadación procede da venda de camisetas conmemorativas da xornada, así como de doazóns voluntarias. Este ano as camisetas fixéronse en homenaxe ao Dj e produtor vilalbés Juan Manuel Filgueiras Rama, máis coñecido como Lelé, gran afeccionado ao ciclismo que faleceu hai uns meses.
O Día da Bicicleta, un clásico das citas do verán en Vilalba, chegou o pasado 29 de agosto á súa trixésima edición renovando o seu poder de convocatoria. A actividade está organizada polo Espazo Xove, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.