A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

Ángeles Vázquez anima ao concello de Toén a solicitar as axudas de Augas de Galicia para instalar unha fosa séptica no núcleo de Freixendo

Ángeles Vázquez e Ricardo González analizaron tamén a iniciativa para dotar de saneamento á contorna de Fonte Larelle

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Toén, Ricardo González, avaliaron hoxe o proxecto municipal para instalar unha fosa séptica no núcleo de Freixendo que daría servizo a unha poboación equivalente de 40 habitantes.

A conselleira animou ao rexedor a solicitar as axudas que Augas de Galicia prevé convocar proximamente, cun orzamento inicial estimado de 1 M€, para a instalación de sistemas de saneamento autónomo para financiar esta actuación.

De feito, a conselleira lembrou que no ano 2026 Augas de Galicia prestará especial atención aos núcleos rurais cun investimento previsto de 17,8 M€, o que supón un incremento do 40% con respecto a 2025, para contribuír a incrementar a resiliencia hídrica da Comunidade, así como para fixar poboación. En concreto, actuarase tanto nas zonas rurais de cidades como Ferrol, Santiago ou Lugo, como en pequenos núcleos ou con poboación dispersa con fórmulas axeitadas ás súas circunstancias, como é o caso de Toén.

A maiores, durante a reunión que mantiveron esta tarde, a conselleira e o alcalde tamén analizaron o saneamento do núcleo de Fonte Larelle. Neste caso, o alcalde, tal e como se acordou no encontro celebrado o pasado mes de febreiro sobre esta cuestión, trasladou á conselleira un proxecto, valorado en preto de 80.000 euros, para dotar deste servizo á veciñanza desa contorna. Ángeles Vázquez comprometeuse a que o persoal de Augas de Galicia estudará a documentación e avaliará as fórmulas para acometelo e financialo de xeito conxunto.

A conselleira incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

De feito, o orzamento global de Augas de Galicia para 2026 sobe preto dun 5,5%, ata os 151,7 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2025