Ángel Miramontes destaca a importancia de poñer en valor “o patrimonio excepcional da Ribeira Sacra”
Madrid, 12 de novembro de 2025
O director xeral do Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, fixo fincapé na importancia de iniciativas “que poñan en valor o patrimonio excepcional da Ribeira Sacra”. Fíxoo esta mañá nunha visita á exposición Ribeira Sacra, paisaxe da auga na Casa de Galicia en Madrid, onde estivo acompañado polo director desta entidade, Luis E. Ramos.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que se presenta un percorrido polos atributos que conforman a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, desde a súa orixe ata as súas fontes ou a súa toponimia e gabou o traballo da Xunta de Galicia “nunha candidatura forte e madura, que xa se atopa na súa recta final”. A mostra, que forma parte, xunto coa exposición Galicia litoral máxico. Asubíos, rompentes e cantigas da Ribeira Sacra do proxecto expositivo Galicia, naturalmente, poderá visitarse ata o 30 de novembro na Casa de Galicia en Madrid.