A Xunta pon en valor o traballo dos xuíces e maxistrados para desenvolver unha xustiza do século XXI

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participa na XXXIX Asemblea Xeral da Asociación Xudicial Francisco de Vitoria

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou esta tarde na XXXIX Asemblea Xeral da Asociación Xudicial Francisco de Vitoria, onde destacou a importancia de traballar por unha xustiza moderna do século XXI e social efectiva, que tamén sexa “eficiente, accesible, de calidade, sostible e próxima á cidadanía”. Por iso, puxo en valor o papel dos xuíces e maxistrados nestes obxectivos e tamén na redución da litixiosidade.

Por outra parte, incidiu na necesidade da adaptación da Administración de Xustiza aos avances tecnolóxicos e, nesta liña, destacou a importancia da intelixencia artificial na xustiza predectiva. En concreto, tal e como sinalou, permite analizar grandes cantidades de datos xurídicos co obxectivo de axudar aos operadores xurídicos a identificar precedentes na xurisprudencia, ao mesmo tempo que serve de ferramenta de apoio aos xuíces e xuízas para establecer predicións e as administracións para simplificar os procesos xudiciais. Por todo isto, sinalou a relevancia da intelixencia artificial no proceso de modernización e dixitalización da Administración de Xustiza.

Do mesmo xeito, instou a garantir o bo uso desta tecnoloxía para manter os principios da xustiza aberta, isto é, a transparencia, a colaboración e a participación, cos que se pretende que o sistema xudicial sexa máis próximo á cidadanía.

Data de actualización: 12/11/2025