O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou hoxe unha xornada polo 25 aniversario dos Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMAS)

A Xunta destaca que Galicia é unha das comunidades coa taxa mais baixa de delitos cometidos por menores

Máis do 86% das medidas xudiciais notificadas polos xulgados foron en medio aberto

Jacobo Rey pon en valor a relevancia destes servizos especializados na atención a nenos e adolescentes con responsabilidades penais

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou que Galicia é unha das comunidades autónomas con menor taxa de delitos en persoas de entre 14 e 17 anos. Díxoo na apertura da xornada conmemorativa do 25 aniversario dos Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMAS), que esta mañá tivo lugar nas instalacións do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi).

Jacobo Rey fixo fincapé na importancia que foron gañando estes centros no sistema xudicial, indicando que o ano pasado o 86,2% das medidas notificadas polos xulgados foron en medio aberto, récord histórico en Galicia. Estes datos, engadiu, poñen de manifesto a importancia do traballo que se desenvolve nos CIEMAS, así como tamén a loita contra a estigmatización e as elevadas cifras de non reincidencia que se rexistran cada ano.

Na súa intervención, o director xeral agradeceu a dedicación e profesionalidade das entidades do terceiro sector que xestionan estes centros: Fundación Camiña Social, Arela, Fundación Educativa Dignidade e Centro Trama.  Ademais, subliñou a importancia desta xornada para dar visibilidade á relevancia que teñen estes centros especializados na atención a nenos e adolescentes con responsabilidades penais, así como para poñer en común experiencias e boas prácticas.

Arredor de 90 persoas, entre profesionais e representantes institucionais, participaron neste encontro, que incluíu a exposición dun caso práctico a cargo do especialista Ed Hilterman.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2025