O titular do Executivo galego participou na entrega da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia ao presidente do grupo Prensa Ibérica

Rueda felicita a Javier Moll por unha traxectoria que reforza o prestixio do xornalismo e o empresariado galego

Destaca a necesidade de contar cos medios de comunicación para promover unha información libre e plural, capaz de fortalecer a democracia

Subliña o compromiso da Xunta con ofrecer estabilidade institucional e económica ao tecido produtivo, algo que se verá referendado nos orzamentos autonómicos de 2026

Vigo, 14 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Rueda felicitou hoxe a Javier Moll pola súa traxectoria ao recibir a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia, destacando que este recoñecemento simboliza o compromiso cunha información libre e plural que fortalece a democracia e contribúe ao prestixio do empresariado galego.

No acto, coincidindo co XXXIII aniversario da entidade, o titular do Goberno galego felicitou a esta entidade por ser un referente no movemento asociativo e dinamizar a competitividade das empresas galegas en favor dun mercado laboral dinámico, inclusivo e garante de emprego de calidade.

Deste xeito, Rueda lembrou que Galicia é hoxe unha comunidade puxante grazas á estabilidade política e ao seu tecido empresarial resiliente e subliñou o compromiso da Xunta con ofrecer estabilidade institucional e económica ao tecido produtivo. Así, lembrou que en 2026 se reforzarán os apoios ás empresas galegas cun incremento das liñas de financiamento, novas medidas de responsabilidade social e a posta en marcha da Oficina de Atracción de Talento, entre outros.

Unhas medidas que contribuirán, tal e como reivindicou o responsable do Executivo autonómico, a que a comunidade siga sendo recoñecida como unha terra produtiva, competitiva e innovadora, fiel ao espírito desa Galicia Calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2025