A Xunta empraza ao Concello de Vigo a unha reunión técnica o vindeiro martes para adoptar medidas ante as deficiencias detectadas na presa de Eiras

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2025

A Xunta empraza ao Concello de Vigo a unha reunión técnica sobre o estado das válvulas da presa de Eiras o vindeiro martes ante a urxencia de adoptar medidas para garantir o abastecemento de auga a unha poboación de máis de 400.000 persoas.

Así, o Goberno galego, logo de ter coñecemento -aínda que non fose por canles oficiais-, de que o Concello está disposto a analizar en conxunto a situación, propón celebrar unha reunión de coordinación entre técnicos de ambas administracións para determinar o antes posible as actuacións a desenvolver.

De feito, ante a urxencia da situación, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, xa fixo esa petición de reunión o pasado mércores, e o venres foi reiterada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández. Porén, ambas solicitudes non obtiveron resposta oficial por parte das autoridades municipais.

A preocupación da Xunta é máxima ante a detección na presa de Eiras de deficiencias en dúas válvulas que regulan o caudal que se envía a potabilizadora do Casal. As válvulas están en moi mal estado, polo que urxe substituílas xa que se pode poñer en risco o abastecemento a Vigo e a súa área.

Esta reunión é imprescindible para a coordinación entre ambas administracións xa que, aínda que a titularidade da presa é autonómica, o Concello é o responsable exclusivo do seu accionamento e do mantemento preventivo das válvulas. Nese senso, cómpre indicar que o Concello en ningún momento comunicou ningunha incidencia á Xunta a pesar de que é quen, a través da súa empresa concesionaria, acciona e opera diariamente as válvulas afectadas.

Data de actualización: 15/11/2025