A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse con representantes da asociación

Xunta e Conxemar volverán situar Galicia no 2026 no epicentro internacional do sector do conxelado

Coa XXVII feira que acollerá Vigo e que está considerada un dos eventos máis importantes nesta materia a nivel global

A acción enmárcase na aposta do Goberno galego pola mellora da comercialización, partida que conta con 14 M€ para 2026

Villaverde puxo en valor que o 60 % dos produtos da pesca, acuicultura e transformados en España proceden de Galicia, o que sitúa á comunidade como a 15ª potencia exportadora a nivel mundial

Santiago de Compostela, 17 de novembro do 2025

A Consellería do Mar e a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) revalidarán de cara o vindeiro ano a colaboración para coordinar e establecer accións conxuntas no ámbito da promoción e comercialización dos produtos conxelados da pesca. Entre as actuacións específicas, destacan a súa participación en el XIII Congreso Internacional de Conxemar-FAO, a organización e difusión nacional e internacional da vixésimo sétima feira Conxemar ou o plan de acción con actividades diversas para promover a cadea de valor do sector pesqueiro e o consumo de alimentos pesqueiros entre a cidadanía.

Esta colaboración, dotada cuns 800.000 euros e financiada ao 50 % por ambas as dúas entidades, dá continuidade ao compromiso asumido polo Goberno galego co impulso e competitividade dun sector que conta con 251 entidades en Galicia que facturan máis de 6.200 millóns de euros e xeran máis de 7.800 empregos directos.

Proba disto é que no 2026 a Xunta destinará 14 millóns de euros á mellora da comercialización dos produtos marítimo-pesqueiros. No caso da colaboración prevista con Conxemar, esta elévase un 22 % con respecto ao 2025.

Galicia, 15ª potencia mundial

Na edición deste ano, a Consellería do Mar contou cun espazo institucional propio, e con outro stand no que participaron dezaseis empresas galegas do conxelado, amosando así a fortaleza dun sector en auxe pois, en palabras de Villaverde, “o 60 % dos produtos da pesca, acuicultura e transformados en España proceden de Galicia, o que nos sitúa como a décimo quinta potencia exportadora a nivel mundial”.

No 2024, a industria marítima galega acadou un récord de exportacións de case 2.800 millóns de euros, batendo así a súa propia marca de ventas exteriores.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/11/2025