A Xunta convoca as probas para obter o certificado de aptitude profesional para exercer como condutor de transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada
Ao longo de 2026 haberá nove convocatorias en distintas categorías, unha máis que este ano e atendendo a petición do sector
Os exames teñen como obxectivo acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E)
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das probas para obter o certificado de aptitude profesional (CAP) para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada. Segundo se recolle na resolución, a Xunta realizará ao longo de 2026 nove convocatorias para a obtención do CAP, tal e como demandaba o sector, unha máis que este ano. O prazo de inscrición para a primeira delas esténdese desde mañá ata o 24 de decembro deste ano.
Os exames teñen como obxectivo acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E).
De modo máis concreto, convócanse probas para as categorías D1, que inclúe vehículos de non máis de 16 pasaxeiros, ademais do condutor e remolque de ata 750 quilos; e D1 + E, que lle engade á anterior descrición o remolque de máis de 750 quilos. Tamén se desenvolverán probas para as categorías D, é dicir, vehículos de máis de oito pasaxeiros e sen límite superior, ademais do condutor e remolque ata 750 quilos; ou D + E, que engade á anterior descrición a posibilidade de remolque de máis de 750 quilos.
No caso dos camións, haberá exames para o certificado C1, para vehículos de 3.500-7.500 MMA e ata oito pasaxeiros; C1 + E, con remolque de máis de 750 quilos; C, para camións de máis de 3.500 MMA (masa máxima autorizada) e remolque de ata 750 quilos; ou C + E, vehículos de máis de 3.500 MMA e sen límite e remolque de máis de 750 quilos.
Estas convocatorias correspóndenlle á Xunta. As persoas aspirantes deben superar os cursos de formación e cumprir os requisitos esixidos no Real Decreto 284/2021, de 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos conductores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, para poder participar nas probas de constatación da cualificación inicial.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deben presentarse de forma obrigatoria a través da sede electrónica do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible á que se pode acceder desde a sede electrónica da Xunta (http://sede.xunta.gal).
O certificado de aptitude profesional acredita que o condutor superou os cursos e os exames esixidos. É expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada. Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.