A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia o labor dos inspectores

A Xunta supera as 2.000 visitas de inspección a centros de servizos sociais no 2024

Fabiola García considera unha “irresponsabilidade” desacreditar este servizo porque “xera inseguridade aos usuarios e ás súas familias”

Explica que os procesos de inspección seguen procedementos estritos, nos que se dá prioridade aos centros que teñen queixas ou denuncias

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025

Os equipos de Inspección da Xunta de Galicia superaron as 2.000 visitas a centros de servizos sociais no 2024, que derivaron na apertura de diferentes expedientes. O dato avanzouno esta mañá a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, no Pleno do Parlamento autonómico, onde defendeu o traballo e a profesionalidade dos inspectores.

Fabiola García criticou ao BNG por poñer en cuestión de maneira inxustificada o servizo de Inspección, que asegurou “é un piar fundamental para asegurar que o 100% da atención que se ofrece ás persoas máis vulnerables se presta con calidade, plenas garantías e total respecto aos seus dereitos”. Neste sentido, considerou unha  “irresponsabilidade” os intentos dos nacionalistas por desacreditar este servizo porque “xera inseguridade aos usuarios dos centros e ás súas familias, pon en cuestión a profesionalidade dos inspectores e ataca directamente o seu traballo”.

A conselleira asegurou que a maioría dos centros fan ben o seu labor e explicou que a inspección segue procedementos estritos, nos que se dá prioridade aos centros ou programas que reciben queixas ou denuncias e os que xa foron sancionados anteriormente, ademais dos que se inspeccionan por outras razóns puntuais.

Así mesmo, a titular autonómica de Política Social e Igualdade indicou que a programación das visitas se realiza e se valida dentro do propio equipo de inspección, sen coñecemento nin inxerencias externas. Tamén manifestou que cando o persoal de Inspección atopa calquera situación que poña en risco o benestar dos usuarios dos centros, a Xunta procede a pechar inmediatamente ao seu peche, como aconteceu coas vivendas comunitarias de Amoeiro e San Gabriel en Xinzo de Limia, as dúas de titularidade privada. As persoas usuarias destes centros deriváronse a prazas públicas.

Acusacións falsas contra o persoal da residencia de Monforte

Fabiola García puxo como exemplo de alarmismo, irresponsabilidade e falsidade as críticas do BNG sobre a situación na residencia de maiores de Monforte, nas que advertía de deficientes coidados, con brotes de sarna e mala alimentación. Unhas acusacións que foron desmentidas polo persoal e a directora do centro, que lamentaron que os nacionalistas fagan afirmacións que non son certas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2025