Belén do Campo inaugura en Cereixo o novo acceso ao Muíño de Mareas, unha actuación para poñer en valor esta contorna mariñeira co apoio da Xunta de Galicia a través do GALP Costa da Morte
A delegada da Xunta destacou que esta actuación “pon en valor un enclave de alto interese natural, cultural e etnográfico, reforzando a relación de Cereixo co mar e contribuíndo á difusión da súa riqueza ambiental e histórica"
O proxecto contou cunha axuda da Consellería do Mar, a través do GALP, de máis de 157.000 euros
A representante do goberno autonómico destacou que entre xaneiro e setembro, visitaron Costa da Morte un total de 117.061 viaxeiros que fixeron máis de 254.000 noites nos establecementos de aloxamento da zona de máis de 20 países.
Vimianzo (A Coruña), 19 de novembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou hoxe en Cereixo na inauguración oficial do novo acceso ao Muíño de Mareas, unha actuación enmarcada no proxecto “Mareas. Senda ao Muíño de Mareas de Cereixo e Mirador de Forno do Sapo”, financiado a través das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo do GALP Costa da Morte.
A iniciativa contou cunha axuda de máis 157.000 euros da Consellería do Mar a través do GALP. A intervención permitiu mellorar o acceso ao histórico Muíño de Mareas, habilitar un espazo de observación paisaxística e ambiental, e crear un itinerario sostible, accesible e integrador que conecta co paseo existente na contorna.
Durante o acto, a delegada destacou que esta actuación “pon en valor un enclave de alto interese natural, cultural e etnográfico, reforzando a relación de Cereixo co mar e contribuíndo á difusión da súa riqueza ambiental e histórica”. A senda servirá ademais como infraestrutura de apoio para actividades de educación ambiental, sensibilización sobre cambio climático e promoción da economía azul.
O proxecto “Mareas” incluíu, ademais das obras de mellora da senda litoral, un conxunto de accións de dinamización social e educativa. Entre elas destacan a ruta interpretada “Camiñando cara Cereixo”, varias actividades de reflexión colectiva sobre o territorio e o mar, a creación dunha peza audiovisual sobre as mulleres de Cereixo e o seu vínculo histórico co mar, e a organización dun encontro específico para visibilizar o seu papel na economía familiar e na preservación do patrimonio mariñeiro, todas executadas ao longo dos últimos meses.
A delegada sinalou que “Cereixo non se pode comprender sen o traballo das súas mariscadoras, da artesanía do encaixe, das artesás do liño, das economías que combinaron mar e terra e da resiliencia fronte á emigración. Este proxecto permítenos recoñecer e transmitirlle ás novas xeracións esa contribución fundamental”.
Colaboración co GALP Costa da Morte
A representante autonómica subliñou o papel estratéxico do GALP Costa da Morte, que impulsa proxectos clave para o desenvolvemento local. O GALP está integrado por 9 concellos Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo, así como por 51 entidades socias das comarcas de Bergantiños, Fisterra e Terra de Soneira. Conta cunha composición equilibrada dos sectores sociais, pesqueiro, económico e do sector público.
O GALP, creado en 2002, está orientado a promover a cohesión territorial, a creación de emprego, a diversificación da economía marítima e a inclusión das comunidades pesqueiras e acuícolas.
Aposta pola sostibilidade e pola economía azul
A inauguración do novo acceso ao Muíño de Mareas supón, segundo a representante da Xunta, “un paso máis cara a unha Costa da Morte máis sostible, máis diversa economicamente e máis orgullosa do seu patrimonio mariñeiro”. Engadiu que a senda “é unha ferramenta que activa valor ambiental, cultural, educativo, turístico e social, e que reforza a identidade dun territorio que mira ao mar con responsabilidade e visión de futuro”.
Mirador de Forno do Sapo
A delegada aproveitou o acto para lembrar que este non é o único proxecto recentemente apoiado pola Xunta nesta contorna. O ano pasado inaugurouse o Miradoiro do Forno do Sapo, situado tamén na parroquia de Cereixo.
Ademais do propio miradoiro, o proxecto incluíu accións divulgativas como:a instalación dun panel interpretativo con código QR; a elaboración de guías didácticas para visitas escolares e o desenvolvemento de obradoiros para centros educativos e colectivos locais.
Turismo en crecemento na Costa da Morte
Belén do Campo subliñou que “desde Turismo de Galicia contamos con diversas liñas de apoio para reforzar o sector e atraer novos visitantes á comarca”.
Neste senso referiuse ás de embelecemento do litoral, que ampliou o seu prazo de solicitude ata o 12 de decembro, dotadas con 5 millóns de euros, destinadas a mellorar fachadas, corrixir impactos paisaxísticos e favorecer a integración ambiental dos establecementos turísticos, incluíndo importantes melloras de eficiencia enerxética nos negocios turísticos que permiten acadar grandes aforros nas súas facturas.
Ademais, o sector conta con axudas para a mellora de infraestruturas en establecementos de aloxamento e restauración, dotada con 2,3 millóns de euros e orientada a impulsar a competitividade mediante investimentos en accesibilidade, dixitalización e modernización das instalacións.
Así mesmo, os municipios con menos de 10.000 habitantes dispoñen doutra liña de apoio, cun investimento de 2 millóns de euros, para reforzar as súas infraestruturas turísticas e favorecer un desenvolvemento equilibrado do turismo no rural galego.
A maiores, Turismo de Galicia tamén ofrece as achegas para a Q de Calidade, con 210.000 euros para apoiar certificados e renovacións das marcas Q e S de Calidade Turística, e destina outros 500.000 euros aos concellos para promover as súas Festas de Interese Turístico en toda a comunidade.
A Xunta tamén está a acompañar ao sector con iniciativas como o Outono Gastronómico, o Bono Turístico e outras accións de promoción da oferta galega.
Trátase dun esforzo decidido para promover a Costa da Morte dentro da oferta turística galega e reforzar a súa posición como destino de natureza, cultura e patrimonio.