A Xunta reafirma na feira ‘Expobus Iberia’ o compromiso do Goberno galego por un transporte público moderno, de calidade, eficiente e accesible
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, pon en valor o investimento de 160M€ anuais por parte da Xunta no Plan de Transporte Público de Galicia
Destaca que esta feira de transporte de viaxeiros por estrada é a segunda máis relevante a nivel nacional e permitirá aos profesionais do sector coñecer as novidades e cambios previstos para os próximos anos
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe a aposta da Xunta por un transporte público “moderno, de calidade, eficiente e accesible” a través do Plan de Transporte Público de Galicia ao que o Goberno galego destina 160 millóns de euros ao ano co obxectivo de dar resposta ás necesidades reais da mobilidade da poboación galega. Así o sinalou hoxe durante a inauguración da cuarta edición da Feira de transporte de viaxeiros por estrada, Expobus Iberia 2025, na que estivo acompañado do director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. O evento celebrase ata o sábado no recinto feiral da Feira Internacional de Galicia Abanca en Silleda.
Diego Calvo destacou que Expobus Iberia é a segunda maior feira do transporte de viaxeiros por estrada a nivel nacional na que se reúnen as principais empresas fabricantes, carroceiras e compañías auxiliares do sector, así como as entidades profesionais. Polo tanto, como asegurou, supón un punto de encontro profesional e tamén de escaparate das últimas innovacións e novidades relacionadas con este sector.
O programa da feira complétase con xornadas técnicas, conferencias, circuíto de probas e a celebración do Premio ao Mellor Condutor de Autocares, tanto nacional como en categorías internacionais.
A feira conta este ano coa súa maior edición con máis de 140 firmas expositoras -un 10% máis que en 2023-, as cales están representadas por 69 expositores directos, un 11% máis que na última edición. A superficie expositiva medra ata superar os 8.400 metros cadrados, un 27% máis. O evento mantén ademais o seu carácter internacional, con firmas dunha vintena de países. De feito, tres de cada dez firmas son estranxeiras.
Diego Calvo incidiu no traballo da Xunta nos últimos anos para contar cun transporte público cada vez máis eficiente, como demostra o feito de que o 97% dos galegos teñen unha parada de autobús interurbano a menos dun quilómetro do seu domicilio. O importante investimento anual permitiu ademais cuadriplicar o número de liñas ata as 3.600, triplicar as paradas ata as 59.000 e aumentar nun 60% as frecuencias ata os 2,3 millóns. Ademais, lembrou as bonificacións impulsadas polo Goberno galego, e cofinanciadas entre Estado e a Xunta, como a Tarxeta Xente Nova e a tarifa +65, que permiten a gratuidade de 60 viaxes ao mes para menores de 21 anos e maiores de 65 anos, respectivamente.
Por último, o conselleiro de Presidencia reafirmou o compromiso da Xunta para seguir apoiando ás empresas e profesionais do transporte por estrada de viaxeiros. Nesta liña, referiuse ás axudas destinadas á renovación das frotas e as dirixidas á formación dos profesionais co obxectivo de atender as demandas do sector para facilitar a incorporación laboral de persoal cualificado.