O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou no XIII Foro de Participación Infantil e Adolescente
A Xunta reivindica o dereito dos nenos e adolescentes a participar e a que a súa opinión se teña en conta
Representantes de distintos concellos e do Consello Autonómico da Infancia e Adolescencia reflexionan sobre a necesidade dun entorno dixital seguro
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reivindicou esta mañá a necesidade de escoitar a voz dos nenos e nenas, así como o seu dereito a participar e dar súa opinión sobre todas as cuestións que lles afectan. Fíxoo no XIII Foro de Participación Infantil e Adolescente celebrado no Parlamento de Galicia con motivo do Día Mundial da Infancia en colaboración con UNICEF, e que contou coa presenza, entre outras autoridades, do presidente da Cámara autonómica, Miguel Santalices.
Jacobo Rey tamén lembrou o dereito que teñen todos os nenos e nenas a ter unha infancia feliz, vivan onde vivan e sexan cales sexan as súas circunstancias, así como a poder formar parte dunha familia. Neste sentido, instou ao conxunto da sociedade a seguir traballando por unha sociedade máis xusta na que se teña en conta a opinión dos nenos e se garanta os seus dereitos e benestar.
Neste foro déronse cita representantes de consellos locais de participación infantil e xuvenil de toda Galicia, así como do Consello Autonómico da Infancia e a Adolescencia (CAIA). No mesmo, reflexionouse sobre os dereitos da infancia no entorno dixital e fixéronse recomendacións para que os nenos, nenas e adolescentes poidan desenvolverse nas redes sociais e con outras ferramentas dixitais de maneira segura.
Día do Pixama
Por outra banda, e tamén con motivo do Día Mundial da Infancia, o director xeral participou no CPI Fonte Díaz na celebración do Día do Pixama. Un dos obxectivos desta actividade, que tivo lugar en diferentes centros educativos da comunidade, é promover o acollemento familiar, empregando o pixama como símbolo dos momentos que se viven en familia.
Jacobo Rey destacou que a Xunta lle dá prioridade aos programas de acollemento, ben en familia extensa e, cando non é posible, en familia allea, para protexer e atender aos nenos e nenas máis vulnerables que están nunha situación de desamparo ou desprotección. Tamén puxo en valor os programas que ten en marcha o Goberno galego para apoiar aos fogares na crianza e facilitar a conciliación, tales como a gratuidade das escolas infantís 0-3 anos e as Casas Niño no rural, o Bono Concilia Familia ou a Tarxeta Benvida.