Fabiola García destaca o compromiso da Fundación Degén coa mellora da calidade de vida das persoas con enfermidades neurodexenerativas e das súas familias

A conselleira de Política Social e Igualdade participou esta noite na tradicional poxa benéfica que organiza cada ano esta entidade

Vigo, 21 de novembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asistiu hoxe á poxa solidaria organizada pola Fundación Degén, un evento onde puxo en valor o compromiso desta entidade coa mellora da calidade de vida das persoas que sofren estas doenzas e das súas familias. A Fundación Degén está centrada na investigación e divulgación destas doenzas e no apoio ás familias e ás persoas coidadoras.

Fabiola García felicitou a Degén, e ao seu presidente, Diego Santos, pola súa aposta pola innovación no eido das enfermidades neurodexenerativas e “polo impacto positivo que a vosa labor solidaria deixa, día a día, na nosa sociedade”. A conselleira estivo acompañada pola vicepresidenta segunda da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez Méndez, polos alcaldes de Baiona, Mos e As Neves, deputadas e deputados do Parlamento de Galicia e outros representantes da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2025