A conselleira do Mar inaugurou a xornada

A Xunta e o sector apostan por afondar nas oportunidades que ofrece a comercialización da ostra xaponesa no Golfo Ártabro

Marta Villaverde sinalou que a súa extracción controlada permitirá recuperar hábitats costeiros e favorecer a recuperación de especies marisqueiras tradicionais

No encontro, impulsado pola Consellería do Mar, participaron representantes da cadea mar-industria, para “intercambiar prácticas pioneiras e xerar novas sinerxías”

Ferrol, 25 de novembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou no Museo de Construción Naval de Ferrol unha xornada dedicada á ostra rizada ou xaponesa (Magallana gigas) impulsada pola Xunta para afondar nas oportunidades que ofrece a comercialización desta especie no Golfo Ártabro.

Villaverde subliñou a necesidade de transformar a presenza deste bivalvo en novos retos, ofrecendo a súa extracción controlada como unha fonte de ingresos para o sector á vez que se contribúe a recuperar hábitats costeiros afectados pola súa proliferación, favorecendo a recuperación de especies marisqueiras tradicionais.

A titular de Mar destacou a necesidade de dar máis visibilidade e de adaptar este produto ás esixencias dos consumidores para atender a demanda do mercado. Para iso, instou a todos os axentes da cadea mar-industria presentes neste evento “a intercambiar prácticas pioneiras na explotación desta especie nas nosas rías e a establecer novas sinerxías”, situando á Confraría de O Barqueiro-Bares como modelo de éxito. Así, alentou ao traballo conxunto “para desenvolver un sistema que nos permita optimizar a xestión deste recurso mariño e mellorar a conservación do seu ecosistema”.

A xornada conta coa participación de representantes das confrarías de Pontedeume, Barallobre e o Barqueiro-Bares, empresas ou entidades sectoriais como Oysterworld e Hexcyl Systems (Portugal), a Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade) ou a Asociación Galega de Comercializadores de Marisco (Agacomar). Ademais, tamén asisten técnicos da Consellería do Mar, representantes de organismos vinculados ao desenvolvemento local (Galp) ou de asesoramento especializado en axudas e programas de apoio (oficinas Es·Mar).

Destaca a iniciativa Ostras do Ártabro posta en marcha polos pósitos de Barallobre e Pontedeume ao abeiro das axudas destinadas ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. O proxecto, ao que se destinaron preto de 40.000 euros, permitiu testar novas formas de preparación coa finalidade de crear conservas de calidade e alto valor engadido no marco da artesanía alimentaria de Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/11/2025