Villaverde defende unha reforma da PPC que reformule e simplifique a obrigación de desembarque

A conselleira do Mar sinala que “o actual sistema supón un marco regulamentario complexo que xera perdas desiguais entre frotas”

Destacou a necesidade de aplicar incentivos adecuados ao sector que se adapten á realidade das distintas pesqueiras

A Xunta apoia a celebración desta Xornada sobre a 'Obrigación de Desembarque e a Valorización de especies con alto potencial de comercialización' organizada pola OPP de Burela

Burela (Lugo), 26 de novembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu que a reforma da Política Pesqueira Común (PPC) reformule e simplifique a obriga de desembarque. Así o manifestou na Xornada sobre a Obrigación de Desembarque e Valorización de especies con alto potencial de comercialización, organizada pola Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) que reuniu a representantes das administracións, organismos científicos e do sector.

A responsable autonómica lembrou que esta obriga foi un dos elementos clave introducidos pola actual PPC co obxectivo de avanzar na conservación dos recursos mariños e a viabilidade do sector a través da redución do número de descartes e capturas non desexadas. Un cambio de paradigma da xestión que non cumpriu os obxectivos marcados, sinalando a titular de Mar que “o actual sistema supón un complexo marco regulamentario que está a xerar perdas desiguais entre frotas”.

Nesta liña, para Marta Villaverde, indicou que “non se tiveron en conta de incentivos adecuados ao sector, omitindo a natureza propia da actividade pesqueira” resultando incompatible co principio de estabilidade relativa “debido á imposibilidade de realizar descartes, que dá lugar a especies que afectan a actividade pesqueira” abundou. Desde esta perspectiva impónse un límite no que se pode pescar, non no que se pode vender, afectando ao esforzo pesqueiro que poden exercer algunhas frotas.

Uns argumentos que foron trasladados por Galicia no marco do procedemento de avaliación da actual PPC para adecuar esta política ás necesidades e particularidades da frota galega, aportando certezas e seguridade aos operadores. No horizonte está mellorar as expectativas de venda dos produtores e garantir o abastecemento de alimentos de calidade aos consumidores. Un asunto esencial que lle outorga relevancia a un evento que chamou á reflexión e estudo das últimas novidades nas practicas selectivas e valorización de especies con escaso valor comercial.

Papel das OPP

A conselleira do Mar aproveitou a súa presenza para poñer en valor o labor das organizacións de produtores pesqueiros na procura da adaptación da produción ás exixencias do mercado no ámbito da sustentabilidade e conservación dos recursos mariños. Así, esta iniciativa está enmarcada no Plan de Produción e Comercialización da OPP de Burela que persegue o fomento e exercicio dunha actividade pesqueira viable e responsable, aumentar a súa rendibilidade económica e contribuír á trazabilidade dos produtos do mar.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 26/11/2025