A Xunta destaca a capacidade de Galicia para converterse nun referente na implantación da IA

Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha estratexia propia e un marco normativo pioneiro neste eido, ademais de acoller a sede da Aesia

A Administración autonómica aprobou esta semana o Programa Galego de IA, dotado con 54 millóns para estender o seu uso a todos os ámbitos

A Coruña, 26 de novembro de 2025

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño Iglesia, subliñou hoxe a capacidade da Comunidade galega para consolidarse como referente nacional na implantación da intelixencia artificial (IA), froito dun traballo continuado de planificación e normativa que sitúa a Galicia nunha posición de vangarda. O responsable do departamento autonómico participou hoxe na Coruña na presentación do proxecto Allocate, de cuxo consello asesor formará parte a Axencia autonómica.

Julián Cerviño lembrou que Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en elaborar unha estratexia propia de intelixencia artificial (EGIA2030), que dispón dun marco normativo pioneiro a nivel estatal e acolle a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), o que reforza o compromiso da comunidade cun desenvolvemento responsable e seguro destas tecnoloxías.

Ademais, destacou a aprobación, esta mesma semana, do Programa Galego de IA, dotado cun orzamento de 54 millóns de euros para estender o uso da intelixencia artificial a todos os ámbitos: administración pública, tecido empresarial e cidadanía.

Entre as iniciativas recollidas no Programa figuran liñas de apoio para que as pequenas e medianas empresas poidan incorporar solucións de IA nos seus procesos produtivos como o Programa de axudas IA 360 ou o Ticket Innova, dotados con 4 millóns e que se convocarán en xaneiro. Ademais, para facilitar a adopción da IA polos concellos e, especialmente, polos máis pequenos, a Xunta articulará acordos marco aos que se poidan adherir, unha fórmula que simplifica e axiliza os procesos de contratación, o que redunda na redución de custos e dos tempos para a implantación de solucións.

Proxecto Allocate

Allocate é unha iniciativa europea destinada a impulsar a adopción da intelixencia artificial

para optimizar servizos públicos como mobilidade, residuos, emerxencias ou atención á cidadanía. No Concello da Coruña, a iniciativa  conta cun  orzamento  de 5,5 millóns de euros, dos que 4,4 proceden de fondos europeos e un prazo de execución de 3 anos e medio para mellorar servicios e a vida dos cidadáns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2025