A Xunta destaca que o Plan de Axilización da Dependencia permitiu reducir nun 12% os tempos de agarda fronte á suba rexistrada na media estatal

A secretaria xeral técnica recalcou que Galicia superou os 90.000 dependentes atendidos dous meses antes do previsto

Neste sentido, volveu recordar que o Goberno central segue sen cumprir a lei e reducindo ano a ano a súa aportación aos servizos

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Igualdade, María Francisca Gómez, defendeu esta mañá no Parlamento que o Plan de Axilización dos Trámites da Dependencia e Discapacidade permitiu reducir no que vai de ano un 12% dos tempos de agarda en Galicia; mentres que o conxunto da media estatal aumenta en 16 días.

Neste sentido, María Francisca Gómez salientou que, desde a posta en marcha deste plan en xaneiro, producíronse cambios na tramitación co obxectivo de axilizar o proceso e reducir a burocracia aos solicitantes. Neste sentido, lembrou que se reduciron os documentos pasando de 12 ata un só composto pola solicitude, ao mesmo tempo que se puxo en marcha un sistema automatizado de citación e se implantou o grado III automático as persoas con determinadas patoloxías ou que se atopen encamadas.

Grazas ás melloras impulsadas con este plan de choque e ao reforzo do persoal, Galicia é a segunda comunidade na que máis soben os atendidos, superando así os 90.000 previstos para o 2025, dous meses antes incluso de que rematase o ano, e cunha ratio de atención que se sitúa no 98,8%. Deste xeito, María Francisca Gómez sinalou que nos primeiros dez meses do ano incrementáronse en máis de 23.000 as novas persoas atendidas fronte ás 12.000 rexistradas no mesmo período do ano anterior.

Con todo, a secretaria xeral técnica lembrou que estes avances son froito do esforzo realizado desde a Xunta e que se dificulta cada ano ante o reiterado incumplimento da Lei de dependencia por parte do Goberno central. Así, explicou que lonxe de achegar o 50% da financiación que establece a normativa, reduce cada vez máis a súa achega que pasou do 40% no ano 2023 ao 34% no 2024. Neste senso, volveu esixir ao Executivo central que cumpra a lei porque nestes momentos a súa débeda con Galicia suma xa preto dos 2.900 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025