O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución destas axudas para o período 2025-27
A Xunta financia o impulso programas de inclusión social en 50 concellos galegos
Esta orde permitirá a posta en marcha de preto de 200 proxectos de inclusión para o que se destinará un orzamento de 7,2 millóns de euros
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas a concellos para poñer en marcha programas de inclusión social. O Goberno galego axudará a 50 municipios de Galicia a través desta orde para levar a cabo actuacións dirixidas a adquisición de formación básica ou laboral, mediación intercultural ou para o apoio familiar, entre outros.
Os concellos que resultaron beneficiados poderán financiar con estes fondos preto de 200 proxectos de inclusión, que suporán un investimento de 7,2 millóns de euros. Con esta liña de achegas financiaranse, entre outras, iniciativas de apoio á inclusión social ou laboral, apoio á inclusión residencial, servizos de mediación social e intercultural e accións de educación e apoio familiar dirixidas a familias en situación ou risco de exclusión social. Ademais, estas axudas permitirán poñer en marcha programas específicos para a atención a persoas sen fogar por parte das entidades locais.
Estas achegas están cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027 e enmárcase na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030, que fai fincapé na importancia das medidas orientadas á inclusión social das persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios.