Belén do Campo e o alcalde de Vilasantar supervisan as obras de mellora do alumeado público que contaron co apoio da Xunta e que permiten un aforro no consumo enerxético do 75%
A representante do Goberno autonómico destacou que este proxecto exemplifica a aposta da Xunta pola colaboración cos concellos para garantir un desenvolvemento rural máis sostible, con enerxía limpa e servizos máis eficientes
Vilasantar (A Coruña), 28 de novembro de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, asinaron hoxe a acta de conformidade do convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o concello, destinado á execución de traballos de mellora das infraestruturas de alumeado público, co fin de reducir a contaminación lumínica e mellorar a eficiencia e o aforro enerxético neste eido.
A actuación contou cun investimento total de 334.095 euros, financiado principalmente con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia — programa Desenvolvemento Urbano Sostible (DUS 5000), unha liña estratéxica orientada ao impulso da sostibilidade enerxética. Do custe total, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achegou 66.511 euros, o 20% do investimento total, por razóns de interese público, garantindo así a cobertura de necesidades operativas municipais esenciais para a veciñanza.
O proxecto, xa executado, permitiu a renovación do alumeado , concretamente de 374 puntos de luz e de 50 centros de mando que se reduciron a 41. As instalacións antigas renovadas, quedaron modernizadas e se instalaron luminarias tipo LED, o que suporá unha redución dos costes estimada de preto do 75% no gasto enerxético, un menor custo no mantemento e a mellora do confort visual nas vías públicas, contribuíndo ao benestar da cidadanía e á seguridade viaria.
Así mesmo, a actuación incorporou medidas para a redución da contaminación lumínica, mediante a minimización do fluxo hemisférico superior e o uso dunha temperatura de cor cálida, máis respectuosa e adecuada para o período nocturno.
Os traballos incluíron, ademais da renovación das luminarias, outras intervencións de mellora e protección das instalacións públicas, entre as que destacan a substitución dos brazos actuais por outros que elevan a fonte de luz en luminarias situadas na estrada, a renovación dos centros de mando e cadros eléctricos, a substitución de tramos deteriorados de condutor aéreo, a instalación de proteccións contra sobretensións transitorias na cabeceira dos cadros existentes e o reforzo xeral das condicións de seguridade e durabilidade da rede municipal de iluminación e a dotación de encendido mediante reloxo astronómico
Segundo explicou a delegada, este proxecto exemplifica “a aposta da Xunta de colaboración cos concellos para garantir un desenvolvemento rural máis sostible, con enerxía limpa e servizos máis eficientes”, lembrando que o principal obxectivo foi cumprir cos marcos normativos vixentes en materia de eficiencia enerxética, así como “dar resposta ás necesidades operativas dun concello que traballa para mellorar a calidade de vida dos seus veciños”.