O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo aproba os orzamentos para 2026, que supera os 10 M€

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na reunión do pleno  do organismo, na que se acordaron tamén as axudas sociais aos profesionais dos seis parques do consorcio no marco do cumprimento do convenio colectivo asinado a principios deste ano

Lugo, 28 de novembro de 2025

O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo, financiado ao 50% pola Xunta e a Deputación de Lugo, aprobou hoxe os orzamentos de 2026 no pleno do organismo, no que participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. A contía ascende a máis de 10 millóns de euros, que supón un incremento do 30% respecto a este exercicio para dar cumprimento ao convenio colectivo asinado a principios de ano cos traballadores e traballadoras.

Do orzamento total, a Xunta achega 4,3 millóns de euros, a mesma contía que a Deputación provincial, mentres que os 1,4 millóns restantes serán aportados pola Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (Unespa).

A Xunta e a Deputación luguesa colaboran no funcionamento da media ducia de parques comarcais de bombeiros que dependen do Consorcio, con sedes en Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Barreiros, Vilalba e Viveiro. No pleno de hoxe aprobouse tamén a regulación das axudas sociais aos profesionais que traballan nestes seis parques.

Así, a incorporación de 26 efectivos ao persoal do Consorcio –que se sumarán aos 117 traballadores e traballadoras que hai na actualidade-, o aumento salarial anual de 6.000 euros na categoría de bombeiro ou a redución de 158 horas anuais –ata as 1.642- son algunhas das melloras pactadas cos profesionais no mes de xaneiro. E en setembro quedou aprobada unha aportación de case 2M€ para a mellora dos seis parques da provincia e facer fronte a esa suba laboral.

O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025