A Xunta instala 11 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación do río Morto, na Pobra do Caramiñal
O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, acaba de completar a instalación dun total de 11 paneis informativos na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do río Morto, no concello da Pobra do Caramiñal. O obxectivo é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a estas zonas así como sobre as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas á veciñanza en caso de producirse algún episodio deste tipo.
Esta ARPSI Río Morto-A Pobra do Caramiñal engloba distintos tramos fluviais e, segundo recolle o Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, pertence ao grupo IV, no que están as zonas de maior perigosidade e risco desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.
Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Galicia-Costa.
Augas de Galicia colocou xa estes indicadores nun total de 18 concellos que contan con áreas con alto risco de inundación no seu territorio: Ames, Gondomar, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Arteixo, Sada, Fene, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Coruña e A Pobra do Caramiñal.
O organismo autonómico reforza así o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria relativa á xestión do risco de inundación.
Paneis con formatos e mensaxes adaptados
No caso concreto da Arpsi Río Morto-A Pobra do Caramiñal, o organismo autonómico procedeu a colocar catro paneis xerais -con información sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento- outros cinco reducidos e dous paneis infantís, cunha estética e linguaxe máis simples e adaptadas á idade do público ao que van dirixidos. Estes 11 elementos repártense entre os ríos Morto e Xunderama.
Os traballos para instalar estes novos carteis na contorna das canles fluviais ao seu paso por A Pobra do Caramiñal enmárcanse no contrato de Augas de Galicia para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento de preto de 700.000 euros.
Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi desenvólvense tamén obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.