A Xunta destina 12.000 € á rehabilitación do local social da asociación de veciños A Sociedade de Carcacía-Rumille de Padrón

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as obras realizadas ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria, que neste caso permitiron levar a cabo o acondicionamento do tellado e outros arranxos no interior do inmoble

O Goberno galego incrementou este ano a dotación a 4 M€, un millón máis que en 2024, e medrou tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións en toda Galicia

Padrón (A Coruña), 4 de decembro de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a asociación de veciños A Sociedade de Carcacía-Rumille de Padrón para comprobar as melloras realizadas no seu local social co apoio do Goberno galego a través do Plan específico de acción comunitaria deste ano. A Xunta destinou na convocatoria deste ano deste plan 4 millóns de euros a obras e equipamento solicitados por entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas da comunidade. Nos orzamentos para 2026, a Administración autonómica consolida esta contía para seguir dando resposta ás demandas destes colectivos.

Mediante esta liña de apoio, a Xunta destinou 12.000 euros para a rehabilitación das instalacións. Os traballos consistiron no acondicionamento do tellado, coa retirada da tella vella, o tratamento das vigas con produtos específicos, a limpeza da uralita e a colocación da tella nova. Tamén se levaron a cabo arranxos no interior do local.

Natalia Prieto destacou que a mellora das instalacións permitirá garantir a seguridade dos socios e socias e do resto da veciñanza da parroquia de Carcacía que participan nas actividades culturais, educativas, ambientais ou sociais promovidas pola entidade.

Cómpre lembrar que unha das liñas destas subvencións da Xunta vai destinada a sufragar os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados nos locais de asociacións de veciños, como neste caso nesta entidade veciñal de Padrón, ou de mulleres rurais ou nas traídas de augas das comunidades de usuarios de augas. A outra liña vai destinada á dotación dos equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

A orde de subvencións do Plan específico de acción comunitaria incrementou este ano o orzamento a catro millóns de euros -un millón máis que en 2024- para dar resposta ao volume de solicitudes en convocatorias previas. De feito, resultaron beneficiarias 454 actuacións, fronte ás 341 do ano pasado. No caso da provincia da Coruña houbo 60 entidades beneficiarias que recibiron unha achega global de 549.500 euros para impulsar 72 proxectos. Segundo engadiu a directora xeral, estas achegas enmárcanse no compromiso do Goberno galego co asociacionismo, polo importante traballo  que desempeñan na dinamización da vida local e na mellora da calidade de vida da cidadanía. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2025