Belén do Campo destaca o valor transformador da literatura inclusiva na entrega dos I concurso de microrrelatos “Letras inclusivas” da Fundación San Rafael
Nesta primeira edición rexistráronse case 500 microrrelatos, unha cifra que, segundo a delegada, evidencia “a vontade de escribir desde a empatía, a creatividade e o respecto”
A Coruña, 4 de decembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou hoxe na entrega de diplomas do I Concurso Literario de Microrrelatos “Letras Inclusivas”, unha iniciativa impulsada pola Fundación San Rafael coa finalidade de visibilizar a diversidade funcional e promover a inclusión a través da creación literaria.
Durante o acto, a representante autonómica salientou que “a importancia deste acto no que celebramos letras e inclusión, dúas palabras que cando camiñan xuntas constrúen sociedades máis xustas e humanas”. Subliñou ademais o carácter valente e necesario dun certame que emprega a literatura como ponte e espello para comprender a realidade das persoas con discapacidade.
Nesta primeira edición rexistráronse case 500 microrrelatos, unha cifra que, segundo a delegada, evidencia “a vontade de escribir desde a empatía, a creatividade e o respecto”. Aproveitou tamén para felicitar ás persoas participantes, ao xurado polo seu labor e á Fundación San Rafael polo compromiso firme coa inclusión desde a acción. Un recoñecemento especial dirixiuse ás persoas premiadas, ás que agradeceu a súa contribución e talento.
A delegada subliñou que o valor desta iniciativa é dobre: por unha banda, o seu impacto cultural, ao fomentar a creación literaria; e por outra, o seu impacto social, xa que “cada relato é unha semente de respecto, de comprensión e de igualdade de oportunidades”. Lembrou ademais que o acto se celebra poucos días despois do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha data que lembra que a inclusión é un dereito e un compromiso colectivo.
Neste sentido, a representante autonómica felicitou ás tres gañadoras do certame —Azucena García, Carla Gil e Jenifer Santín—, autoras dos relatos “El Baile de Marcela”, “Cromosomas” e “Sala de espera”, respectivamente e ás alumnas do centro Colexio Montespiño pola súa participación e colaboración neste certame porque son “historias que coa súa sensibilidade, nos fan pensar, reflexionar, empatizar, comprender, acompañar e sobrepoñernos en momentos difíciles”.
A delegada concluíu destacando que “só cando todas as persoas poden achegar o seu talento, Galicia avanza mellor e avanza máis lonxe”, e que non se trata de integrar quen é diferente, senón de comprender que a diversidade forma parte esencial de “nós”. Pechou a súa intervención dando a noraboa ás persoas galardoadas e expresando o desexo de que as súas voces continúen inspirando á sociedade.