Villaverde defenderá en Bruxelas os intereses da frota galega no inicio das negociacións europeas dos TAC e cotas para 2026

Contará cunha ampla axenda de contactos para garantir unha posición firme na semana decisiva de negociacións

Seguirá acadando apoios para mellorar a proposta comunitaria do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 ou a revisión da Política Pesqueira Común

Santiago de Compostela, 10 de decembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, viaxa a Bruxelas con motivo do inicio das negociacións dos TAC e cotas pesqueiras para 2026, un dos momentos máis importantes para o futuro da frota galega, posto que se deciden as posibilidades de pesca para todo o vindeiro ano. Ao longo de tres días, a responsable autonómica desenvolverá unha intensa axenda de contactos institucionais co obxectivo de reforzar as posicións de Galicia no marco do Consello de Ministros de Pesca da UE.

Villaverde manterá encontros nestes días co eurodeputado galego, Francisco Millán Mon, para abordar a situación das principais pesqueiras galegas, co europarlamentario francés, Eric Sargiacomo e co director de Asuntos Marítimos e Clima da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), Giuseppe Sciacca, así como cos representantes da Rexión francesa de Bretaña, encabezados polo vicepresidente de Mar e Litoral, Daniel Cueff.

A titular de Mar ten previsto reunirse, ademais, coa conselleira de Alimentación, Desenvolvemento Rural, Agricultura e Pesca do País Vasco, Amaia Barredo, a quen lle corresponde, nesta ocasión, acompañar ao ministro nas negociacións en representación de todas as comunidades autónomas españolas. Con este encontro bilateral procúrase fortalecer as posicións conxuntas na defensa dos distintos stocks.

Así mesmo, Villaverde asistirá ás xuntanzas convocadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación co sector e coa presidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Carmen Crespo. Nestes encontros volverá reclamar unha posición negociadora firme en defensa dos intereses da frota galega.

Na súa estancia en Bruxelas, a conselleira do Mar seguirá procurando alianzas con territorios europeos que comparten intereses pesqueiros estratéxicos, de cara a mellorar a proposta da Comisión Europea do Marco Financeiro Plurianual, que considera decepcionante, ao diluír o actual fondo específico nun macro-fondo, o que implica que a pesca perda independencia e visibilidade, tanto desde o punto de vista económico como territorial. Por outro lado, coa proposta da Comisión, serían os Estados membros os que decidirían a prioridade de gasto e os criterios de reparto, deixando sen capacidade de participación ás rexións no proceso de decisión.

Data de actualización: 10/12/2025