O delegado territorial visitou esta mañá o local da ‘Asociación veciñal Quince de Agosto’ en Ourense, beneficiario do plan específico de acción comunitaria
A Xunta destina máis de 1 M€ a preto de 100 colectivos ourensáns a prol da dinamización da vida social e cultural, e do benestar dos cidadáns
Manuel Pardo explicou que no caso desta asociación, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, fixo un achega de 12.000 euros para levar a cabo actuacións encamiñadas a optimizar a accesibilidade do local, e implementar melloras que contribúan á eficiencia enerxética e seguridade do recinto
O delegado territorial destacou, que na convocatoria deste ano, a Xunta destinou 4 millóns de euros para seguir apoiando o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños
O representante do Goberno galego lembrou que esta orde contou cunha liña destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de auga comunitarias, e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específica
Ourense, 10 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, o local da ‘Asociación veciñal Quince de Agosto’, no concello de Ourense, unha das preto de 100 entidades ourensáns beneficiarias do plan específico de acción comunitaria destinada a colectivos veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, no que a Xunta destinou máis dun millón de euros na convocatoria deste ano na provincia.
O delegado territorial concretou que no caso desta asociación veciñal, percibiu unha achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, de preto de 12.000 euros para levar a cabo actuacións encamiñadas a optimizar a accesibilidade do local, e implementar melloras que contribúan á eficiencia enerxética e seguridade do recinto, beneficiando directamente ás persoas usuarias da asociación.
Manuel Pardo destacou que na convocatoria deste ano incrementouse a dotación deste plan nun millón de euros ata chegar aos 4 millóns de euros, para seguir apoiando o asociacionismo veciñal como instrumento de dinamización social e cultural no eido local, co obxectivo de apoiar ás asociacións a levar a cabo actividades que repercutan no benestar da cidadanía, como colectivos máis próximos á veciñanza para atender e canalizar as súas demandas.
O representante do Goberno galego lembrou que esta orde contou con dúas liñas de actuación: unha destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de auga comunitarias, dotada de 3,4 millóns de euros e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específica que conta con outros 600.000 euros de orzamento. Tamén detallou que as contías económicas poden cubrir o 100% do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 de euros para a dotación de equipamentos.
Actuacións na ‘Asociación veciñal Quince de Agosto’
Manuel Pardo detallou que, ao que se refire a optimizar a accesibilidade do local, eliminouse o chanzo na entrada do soportal que dificultaba o acceso a persoas con mobilidade reducida, usuarias de cadeiras de rodas ou con dificultades para camiñar, mediante a construción dunha rampla de pedra que facilita o acceso á planta baixa do local social.
No tocante as melloras na eficiencia enerxética e seguridade do recinto, procedeuse ao cambio das xanelas por outras de carpintería de aluminio con control solar e illamento térmico. Ademais as seis xanelas grandes incorporan persianas, o que reforza a seguridade do local. Tamén se instalou unha nova porta traseira que mellora a seguridade, o illamento, evita filtracións e incrementa o confort da sala multiusos, espazo destinado a cursos, eventos e actividades comunitarias.