A Xunta salienta o peso estratéxico da industria transformadora con empresas punteiras como Conservas Orbe

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica pon en valor o papel da empresa como referente galego na transformación e modernización do sector conserveiro

Tamén destaca a importancia da innovación, da sustentabilidade e da apertura de novos mercados para garantir o futuro da industria

O Goberno galego reafirma o seu compromiso co impulso da competitividade empresarial a través de liñas de apoio e colaboración co tecido transformador

Ponte Caldelas (Pontevedra), 10 de decembro de 2025

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, visitou hoxe as instalacións de Conservas Orbe, no municipio pontevedrés de Ponte Caldelas, unha das empresas históricas e emblemáticas do sector transformador galego. Durante o encontro, Rial reuniuse cos responsables da compañía para coñecer de primeira man os seus proxectos en marcha, as liñas de innovación aplicadas á transformación de produtos do mar e as expectativas de crecemento nos mercados nacionais e internacionais.

O director xeral salientou o papel fundamental que desempeña o sector conserveiro na economía galega, non só como motor industrial e xerador de emprego, senón como embaixador internacional da calidade dos produtos do mar de Galicia. Neste sentido, destacou a traxectoria de Conservas Orbe e a súa aposta pola modernización de procesos, pola incorporación de tecnoloxía e pola diversificación de produtos para responder ás novas demandas do mercado.

Rial puxo tamén de relevo a importancia da colaboración público-privada para seguir fortalecendo un sector que contribúe significativamente ao valor engadido da cadea mar-industria. Nesta liña, sinalou que a Xunta mantén activas distintas liñas de apoio destinadas á mellora da competitividade, a eficiencia enerxética, a transición tecnolóxica e a consolidación da presenza internacional das empresas transformadoras. Así, Conservas Orbe é unha das empresas beneficiarias destas axudas destinadas a pemes do sector transformador, recibindo o pasado ano máis de 638.000 euros.

A Consellería do Mar reafirma así o seu compromiso coa defensa e o impulso da industria transformadora, un piar esencial da cadea pesqueira galega e un sector clave para o desenvolvemento económico e social da comunidade.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/12/2025