Belén do Campo visita Frades para supervisar as obras de recuperación do azude do río Tambre na área recreativa da presa financiadas cun apoio da Xunta de 50.000 €
A delegada da Xunta informou que ao abeiro deste acordo, Augas de Galicia asumiu o financiamento da intervención, que permitiu restaurar un tramo de 15 metros do azude, construído a partir de bloques de pedra granítica de entre 400 e 800 quilos
Belén do Campo salientou que esta obra permitiu devolver ao espazo “todo o seu valor ambiental e funcional”, favorecendo ao mesmo tempo un uso responsable e seguro dun entorno fluvial moi frecuentado pola veciñanza e por visitantes para actividades de lecer
Frades (A Coruña), 11 de decembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente, Pilar Arias e polo alcalde de Frades, Roberto Rey, visitou hoxe o Concello para supervisar as obras recentemente finalizadas de recuperación do azude do río Tambre, na área recreativa da Presa. A actuación foi posible grazas a un convenio de colaboración polo que a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, destinou preto de 50.000 euros á mellora deste elemento hidráulico tradicional e da súa contorna fluvial.
Ao abeiro deste acordo, Augas de Galicia asumiu o financiamento da intervención, que permitiu restaurar un tramo de 15 metros do azude, construído a partir de bloques de pedra granítica de entre 400 e 800 quilos. Este azude, ademais de dar servizo no seu día a unha antiga central hidroeléctrica situada no concello do Pino, crea unha zona idónea para o baño, orixe dunha das primeiras praias fluviais do municipio de Frades.
Durante a visita, Belén do Campo salientou que esta obra permitiu devolver ao espazo “todo o seu valor ambiental e funcional”, favorecendo ao mesmo tempo un uso responsable e seguro dun entorno fluvial moi frecuentado pola veciñanza e por visitantes para actividades de lecer.
A actuación enmárcase na Estratexia para a posta en valor das contornas fluviais, impulsada pola Xunta, que busca recuperar e mellorar elementos construtivos tradicionais e funcionais presentes nos ríos galegos —como represas, pontes peonís ou pasarelas— que forman parte do patrimonio hidráulico e do legado histórico-etnográfico dos concellos.
O convenio tivo como obxectivo executar e incorporar ao patrimonio público municipal as obras recollidas no proxecto de reconstrución do azude na área recreativa da Presa, así como garantir a súa conservación e mantemento. No marco deste acordo Augas de Galicia comprometeuse a ofrecer apoio técnico e asesoramento na execución das actuacións, ademais de asumir as obrigas económicas derivadas do convenio e o Concello de Frades encargouse da execución das obras necesarias para levar a cabo o proxecto.
Coa finalización destes traballos, a Xunta e o Concello de Frades avanzan conxuntamente na posta en valor do seu patrimonio natural e hidráulico, contribuíndo á mellora da calidade de vida da cidadanía e á protección das contornas fluviais do municipio.