A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego
Suspéndese a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos concellos afectados
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación, entre outros, aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025
A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde o mediodía de mañá na costa da provincia da Coruña, na Mariña lucense e tamén na zona das Rías Baixas, na provincia pontevedresa, ampliándose a primeira hora da tarde á zona do Miño, en Pontevedra. Agárdase mar combinada, principalmente mar de fondo, do noroeste con ondas de ata seis metros.
Debido á alerta laranxa, segundo as previsións dos órganos preditores, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou suspensións de actividade deportiva Xogade e federada no mar nos concellos da costa da Coruña e de Pontevedra desde ás 09,00 horas ata a medianoite, e nos municipios da Mariña lucense entre as 12,00 e as 00,00 horas.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.