A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático compareceu hoxe ante a Comisión 2ª do Parlamento
A Xunta salienta a aposta pola simplificación e axilización dos procedementos na xestión do litoral
Puxo en marcha unha solicitude única electrónica para os trámites sobre os usos ou ocupación do litoral, que simplifica e axiliza o procedemento xa que o Goberno central requiría cinco formularios de solicitude en papel
Tamén está á disposición de institucións, empresas e cidadanía o servizo Galicia Litoral, que ofrece información sobre a normativa nesta materia tanto telefónica, a través do 012, como telemática cun espazo web específico
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, salientou hoxe a aposta da Xunta pola simplificación e axilización dos procedementos na xestión do litoral na súa comparecencia ante a Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento.
Durante a súa intervención, Uría puxo en valor o fito histórico que supuxo o traspaso dos medios, funcións e servizos por parte do Goberno central o pasado 1 de xullo e o traballo que está a desenvolver a Xunta para a aplicación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Así, para facilitar tanto o traballo dos funcionarios como os trámites do conxunto da cidadanía, a Xunta puxo en marcha unha solicitude única electrónica para os trámites sobre os usos ou ocupación do litoral, que simplifica e axiliza o procedemento xa que o Goberno central requiría cinco formularios de solicitude en papel. Desde o 1 de xullo xa se resolveron máis de 600 expedientes tanto en zona de servidume de protección como en dominio público marítimo-terrestre.
Ao mesmo tempo, séguense dando pasos noutro dos piares básicos da Loxilga, como é a gobernanza. Así, a directora xeral subliñou que xa se constituíu a Comisión interdepartamental de coordinación da ordenación do litoral e proximamente o fará o Foro do Litoral, unha vez que xa está aprobado o seu regulamento.
Nesta liña, a directora xeral tamén incidiu na aposta pola cooperación institucional e lembrou que en setembro se celebrou o primeiro Cumio de municipios costeiros, ao que foron convocados os 86 concellos do litoral, e o pasado mes de novembro reuníronse en Baiona conselleiros e directores xerais de practicamente todas as autonomías costeiras no I Cumio Nacional de Comunidades Autónomas do Litoral.
A maiores, ademais da aplicación que se está preparando para ofrecer toda a información sobre o Camiño do Litoral, xa está á disposición de institucións, empresas e cidadanía o servizo Galicia Litoral, que ofrece información sobre a normativa nesta materia tanto telefónica a través do 012 como telemática cun espazo web específico. Desde a súa posta en marcha en xullo, recibíronse máis de 6.200 consultas e preto de 1.500 chamadas.