A Xunta contribúe con 2,8 M€ en axudas para o período 2025-2027 aos proxectos de inclusión social dunha decena de asociacións que operan en Ferrolterra
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión coa directora da Asociación Provivienda en Galicia, unha das entidades beneficiarias desta convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social e Igualdade
Ferrol, 15 de decembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión coa directora da Asociación Provivienda en Galicia, Ana Pardo, para coñecer o traballo que desenvolve esta entidade sen ánimo de lucro que traballa a nivel estatal para mellorar a realidade socio-residencial e promover o dereito a unha vivenda digna e axeitada.
Tal e como indicou a delegada territorial, esta é unha das dez asociacións que operan no ámbito territorial de Ferrol que resultaron beneficiarias este ano das axudas a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e de inclusión social 2025-2027 da Consellería de Política Social e Igualdade por valor de 2,8 M€. No caso de Provivienda, a achega autonómica ascendeu a 670.500 euros.
A Asociación Provivienda, que xestiona 65.000 vivendas en 14 comunidades autónomas, iniciou a súa actividade en Galicia en 2017. Desde entón, leva facilitando o acceso a unha vivenda digna a máis de 300 persoas. Na cidade de Ferrol xestionan polo de agora dous fogares.
Aneiros destacou a importante labor que desempeña a entidade e lembrou que o Goberno galego colabora tamén coa asociación dende 2017 través das axudas con cargo ao IRPF para o financiamento de diferentes programas nos ámbitos da inclusión social, discapacidade, familia ou maiores.
Esta reunión de traballo enmárcase dentro da rolda de contactos que, de maneira continua, vén mantendo a delegada territorial con diferentes axentes do tecido asociativo da zona co fin de tomar o pulso ás demandas máis inmediatas con respecto á Administración autonómica.