O presidente do Executivo autonómico participou na clausura da asemblea da Confederación Empresarial de Pontevedra

Rueda enxalza ás empresas da comunidade como embaixadoras da marca Galicia Calidade e claves para seguir creando un polo de atracción de investimentos

Defende o papel da Xunta como Administración facilitadora, que traballa para ofrecer seguridade, facilidades e confianza a todas as compañías que cumpren coa comunidade

O Goberno galego avanza na institucionalización do Diálogo Social para potenciar a colaboración público-privada dentro da aposta por abordar da man dos axentes sociais retos como a cobertura de vacantes ou o absentismo laboral inxustificado

O presidente reclamou seguir unindo forzas para demandar as infraestruturas como a conexión por alta velocidade con Portugal e un plan completo para o Corredor Atlántico

Vigo, 15 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o empresariado é o mellor embaixador da marca Galicia Calidade, clave para converter a comunidade nun polo de atracción de grandes investimentos transformadores: “As nosas empresas traballan moi ben, fan grandes cosas, seguimos tendo cifras de exportación fantásticas... Polo tanto, esa Galicia Calidade é tamén o que fan as nosas empresas”, resaltou Rueda.

Así o asegurou durante a asemblea xeral da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), onde destacou o papel das empresas como xeradoras de emprego e riqueza na comunidade, polo que o tecido empresarial alimenta o prestixio de Galicia Calidade recoñecido en todo o mundo.

Neste sentido, Rueda asegurou que a Xunta debe actuar como unha Administración facilitadora, ofrecendo seguridade, facilidades e confianza a todas aquelas compañías que cumpren con Galicia. Así mesmo, salientou que o Goberno galego está a traballar na institucionalización do Diálogo Social en Galicia a través dun futuro decreto que permitirá potenciar aínda máis a necesaria colaboración público-privada pola que avoga a Xunta. Este instrumento enmárcase na aposta estratéxica por ir da man de todos os axentes sociais para dar resposta conxunta a retos presentes e futuros do mercado laboral, como a cobertura de vacantes, a remuda xeracional, a prevención do absentismo laboral inxustificado ou a necesidade dunha formación para o emprego máis flexible.

Reivindicación de infraestruturas

No acto, o presidente da Xunta fixo un chamamento a seguir unindo forzas para demandar as infraestruturas que Galicia merece, xa que é “un dos grandes problemas que temos para seguir crecendo, para facer crecer empresas que xa están asentadas e para outras que queiran vir”. Citou, por exemplo, a conexión por alta velocidade con Portugal e o Corredor Atlántico, para o que considera prioritario contar cun plan completo e detallado con compromisos, cifras e prazos. A estas únese a necesaria aposta polos proxectos de Autopistas Ferroviarias Galicia-Madrid e Galicia-Zaragoza-Barcelona.

Ademais, recordou que mañá se vai a presentar no Parlamento galego a Lei de Orzamentos 2026, salientando a importancia de que as Administracións cumpran coas súas obrigacións: “Xa está ben de dicir que os orzamentos non serven de nada. O que debería ser normal convértese en excepcional, e nós mañá imos ter Orzamentos. Para atender os servizos básicos fundamentais e para que Galicia siga medrando”, resaltou Rueda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2025