A Xunta renova a Sede Xudicial Electrónica e o portal de Xustiza cun novo deseño, máis trámites dispoñibles para a cidadanía e novas prestacións para os profesionais

A sede xudicial electrónica permite agora presentar reclamacións a compañías aéreas, solicitar medidas de apoio a persoas con discapacidade ou acceder ao expediente xudicial no que se é parte

Esta nova versión mellora as prestacións dixitais dirixidas aos profesionais da xustiza, cunha área privada máis completa e funcional

O Portal de Xustiza incorpora espazos específicos para cada perfil de usuario, espazos divulgativos e un deseño unificado que facilita a interacción coa sede xudicial electrónica

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2026

A Xunta de Galicia pon en marcha as novas versións da Sede Xudicial Electrónica e do Portal de Xustiza de Galicia, cun deseño renovado, máis visual e doado de usar, que facilita o acceso á información e aos servizos xudiciais desde calquera dispositivo.

Unha das principais novidades da sede xudicial é a ampliación dos trámites en liña para a cidadanía. Agora é posible presentar reclamacións a compañías aéreas, solicitar medidas de apoio a persoas con discapacidade ou persoas maiores e consultar o expediente xudicial electrónico nos procedementos nos que se é parte, o que permite reducir desprazamentos e axilizar as xestións.

No caso dos profesionais da xustiza, a renovación supón unha mellora das prestacións da área privada, que ofrece unha visión máis clara e conxunta da actividade recente, con acceso a escritos presentados, procedementos en curso, notificacións, descargas e sinalamentos desde un único espazo.

A nova versión da sede xudicial electrónica reforza, tamén, a atención ao usuario con máis recursos de orientación e axuda, entre os que destaca a nova sección Como actuar en caso de..., pensada para ofrecer información práctica ante situacións reais e habituais relacionadas coa xustiza. Ademais, incorpórase unha nova canle de consultas diarias a través de WhatsApp, que permite resolver dúbidas de maneira rápida e directa.

Portal de Xustiza

A renovación complétase co novo Portal de Xustiza de Galicia, que estrea un deseño aliñado co da sede xudicial electrónica para manter unha identidade visual común e unha navegación máis sinxela. O portal incorpora novos espazos específicos segundo o perfil de usuario —cidadanía, profesionais e persoal da Administración de Xustiza— nos que se agrupan contidos e servizos adaptados ás necesidades de cada colectivo, facilitando o acceso á información de interese.

Ademais, o Portal de Xustiza reforza o seu carácter divulgativo coa creación de novos espazos informativos, como o dedicado ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) ou á Oficina Virtual de Asistencia ás Vítimas de Delitos, orientada a persoas vítimas de violencia. Estes espazos ofrecen información útil, recursos dispoñibles e vías de atención psicolóxica, social e xurídica, contribuíndo a achegar a xustiza á cidadanía.

Data de actualización: 16/12/2025