Belén do Campo destaca que a Xunta aprobou dúas axudas para os concellos de Santiso e Toques da comarca de Melide para que melloren as súas infraestruturas turísticas por un importe de 60.000 €
A delegada da Xunta explicou que o Concello de Santiso recibiu 30.000 euros para levar acabo mellora e rehabilitación do acceso á área de lecer do Liño
Recibiu tamén este apoio o Concello de Toques para a sinalización de rutas de sendeirismo e paneis informativos
Santiso (A Coruña), 16 de decembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou a actuación levada a cabo ao abeiro da orde de Turismo de Galicia para actuacións de mellora de Infraestruturas Turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes. Neste senso, a representante do Goberno autonómico destacou que este municipio recibiu 30.000 euros para levar a cabo a mellora e rehabilitación do acceso á área de lecer do Liño
Belén do Campo explicou que esta área recreativa é moi utilizada por veciños e visitantes porque conta cun paseo arredor do río Ulla, zona de caravanas, parque infantil, campo de fútbol, mesas e bancos, entre outros equipamentos.
Co obxectivo de mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade das instalacións leváronse a cabo varias actuacións centradas na renovación do firme, a ampliación das condicións de uso e a integración paisaxística do espazo.
O proxecto incluíu a renovación da capa de rodaxe dun tramo de 150 metros de lonxitude por 3,5 metros de ancho, mediante a aplicación de 5 cm tratamento asfáltico semiprofundo. Ademais na área de estacionamento, cunha superficie de 115 x 5,5 metros, aplicouse 5 cm de aglomerado en quente. Estas melloras permitiron aumentar a seguridade, evitar acumulacións de auga e facilitar o acceso dos vehículos que utilizan este espazo.
O proxecto tamén contemplou a instalación dunha iluminación máis eficiente coa colocación de 10 luminarias LED tipo baliza, acompañadas dos seus elementos eléctricos e de protección correspondente. Ademais, realizouse a mellora estética dun muro de formigón existente nunha superficie de 200 metros lineais, mediante a plantación de plantas trepadoras, co obxectivo de integrar esta infraestrutura no entorno natural da área recreativa.
Orde de axudas
Belén do Campo explicou que con estas axudas a Xunta de Galicia, en concorrencia non competitiva, pretenden impulsar e consolidar a actividade turística do rural galego ao tempo que promoven a diversificación turística polo territorio da comunidade. En total, o Goberno galego inviste 2M€.
Con esta liña de axudas Turismo de Galicia beneficiou a 67 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes, e na provincia da Coruña foron 16 axudas as achegas concedidas por un importe de case 470.000 euros. Concretamente, na comarca de Melide recibiron estes apoios ademais de Santiso o concello de Toques, tamén de 30.000 euros, para a sinalización de rutas de sendeirismo e paneis informativos En total, 60.000 euros.
Entre os proxectos beneficiarios inclúense iniciativas de sinalización turística de sendeiros, a posta valor de conxuntos patrimoniais culturais, a construción de miradoiros, o acondicionamento de recursos culturais, patrimoniais e paisaxísticos e melloras de infraestruturas turísticas. Ademais, tamén hai actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e da iluminación e acceso aos recursos turísticos do municipio xunto coa recuperación de elementos patrimoniais locais como fontes ou muíños, entre outros.