Villaverde critica o recorte comunitario ás capturas de lirio e xarda e sitúa o porto de Ribeira como un dos epicentros do seu impacto na comunidade

O porto ribeirense lidera as descargas de lirio en Galicia e concentra tamén unha elevada facturación de xarda, dúas especies estratéxicas afectadas polo acordo dos ministros de Pesca da UE

Reiterou a oposición da Xunta a unhas posibilidades de pesca “inasumibles e gravemente prexudiciais” e criticou que o Ministerio concentrase todos os esforzos no Mediterráneo sen defender os intereses do Atlántico

Ribeira (A Coruña), 16 de decembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe a lonxa de Ribeira, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, onde aproveitou para manter un encontro con representantes do sector pesqueiro galego para analizar o impacto do acordo europeo de TAC e cotas para 2026, cun foco especial na afectación que terá neste porto, un dos máis expostos polos recortes aprobados en Bruxelas.

Durante a visita, Villaverde salientou que Ribeira é líder en Galicia nas descargas de lirio, unha especie que conta ademais cunha marca colectiva propia, Lirio de Ribeira, impulsada pola Cooperativa do Mar Santa Uxía de Ribeira (OPP 83). Máis da metade da facturación que xera esta especie nas lonxas galegas (19,6 M€), corresponden á rula da capital do Barbanza (10,2 M€).

Unha relevancia que se estende tamén á xarda, outra das especies con maior volume de descargas e valor comercial na lonxa ribeirense e no conxunto do sistema portuario galego. Este ano as vendas na comunidade superaron os 7,6 millóns de euros dos cales 1,6 corresponden a este municipio coruñés. Números que motivan a forte oposición de Galicia a unhas posibilidades de pesca para o 2026 “inasumibles e gravemente prexudiciais”.

A conselleira advertiu de que os recortes aprobados para estas pesqueiras teñen un impacto directo sobre a actividade económica, o emprego e a viabilidade das empresas nun porto fortemente especializado nestas especies, o que reforza a preocupación da Xunta ante un acordo que non incorporou a necesaria dimensión socioeconómica.

Neste contexto, Villaverde lembrou o papel activo da Xunta durante o proceso negociador, coa achega de informes detallados sobre o impacto socioeconómico dos recortes, nos que se advertía das consecuencias negativas para a frota galega e para o conxunto da cadea mar-industria. Uns informes que, lamentou, non foron tidos en conta pola Comisión Europea. Ademais, criticou que o Ministerio concentrase todos os esforzos en mellorar a situación para o Mediterráneo e loitase menos pola  frota do Atlántico.

A responsable autonómica reiterou o compromiso do Goberno galego de traballar man a man co sector para estudar e artellar medidas que permitan mitigar o impacto destes recortes, defendendo unha xestión dos recursos que combine a sustentabilidade ambiental coa viabilidade económica e social dunha actividade estratéxica para Galicia e para portos clave como o de Ribeira. Así, o vindeiro venres celebrarase un Consello Galego de Pesca, no que se analizará máis polo miúdo o acordo de TAC e cotas e as súas implicacións para o conxunto da comunidade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/12/2025