O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu esta tarde na Coruña aos actos organizados por Ecos do Sur con motivo do Día Internacional das Persoas Migrantes

A Xunta alerta contra os discursos de odio, que fomentan a discriminación e rachan coa convivencia

Máis de 20.000 persoas participaron nas actividades de intermediación cultural realizadas ao abeiro do proxecto CibeRespect, financiado pola Administración autonómica

A Coruña, 18 de decembro de 2025

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, alertou esta tarde contra os discursos do odio, que fomentan a discriminación e rachan coa convivencia. Fíxoo no acto conmemorativo do Día Internacional das Persoas Migrantes organizado pola Asociación Ecos do Sur na sede de Afundación.

Na súa intervención, Arturo Parrado puxo en valor o proxecto de mediación intercultural CibeRespect, que desenvolve esta entidade e  que financia a Xunta a través do 0,7% do IRPF. Preto de 20.000 persoas de toda Galicia teñen participado nas actividades realizadas ao abeiro desta proposta, que ten como obxectivo axudar ás persoas migrantes a exercer os seus dereitos e xerar espazos de conversación.

Neste sentido, subliñou a importancia que teñen as actividades de mediación intercultural para abordar situacións de odio e discriminación, tanto desde a protección para as vítimas como desde a prevención da polarización entre a poboación en xeral.

Ademais, o director xeral explicou que o proxecto CibeRespect distínguese porque as accións de mediación e de inclusión non están dirixidas unicamente á poboación migrante, senón á sociedade en xeral. Ademais, durante este ano, esta proposta desenvolveu por primeira vez un espazo de creación intercultural no campo audiovisual denominado Artistas Migrantes.

Data de actualización: 18/12/2025