A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou hoxe un convenio de colaboración coa alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz
A Xunta inviste 780.000 euros no futuro centro de día de Teo, que contará con 40 prazas públicas e estará operativo en 2026
O Goberno galego financia tanto a adquisición do inmoble no que se emprazará o novo recurso como as obras necesarias para a súa adaptación
Este servizo permitirá ás persoas maiores permanecer na súa contorna, ao tempo que facilitará a conciliación das familias
Teo (A Coruña), 18 de decembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou hoxe coa alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, un novo convenio de colaboración para a creación dun centro de día no municipio. A Xunta inviste un total de 780.000 euros nesta actuación, que entrará en funcionamento o vindeiro ano e que permitirá dotar á localidade de 40 prazas públicas para o coidado das persoas maiores.
Este é o segundo acordo asinado entre as Administracións autonómica e local para a realización deste proxecto. O primeiro rubricouse en novembro do ano pasado para financiar con 180.000 euros a compra por parte do Concello dun inmoble en Cacheiras no que se situará o novo recurso. A través do novo convenio subscrito esta mañá, a Xunta achega outros 600.000 euros para poder acometer as obras de adaptación como centro de día do inmoble adquirido.
Fabiola García destacou a importancia do traballo conxunto da Xunta e do Concello de Teo para sacar adiante este recurso, que “permitirá aos maiores seguir vivindo nas súas casas, no seu lugar de sempre, sen renunciar a estar ben coidados e atendidos, e que tamén dará máis facilidades ás familias para conciliar”.
O futuro centro de día será de titularidade municipal. O ente local é encargado de licitar e adxudicar as obras.