O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia

A Xunta sitúa a Galicia como exemplo na implantación do Sistema De Garantía Infantil Europea e destaca o seu impacto na redución histórica da taxa de pobreza

O director xeral destaca que Galicia inviste 140M€ ao ano neste obxectivo a través de 18 medidas concretas, entre as que se atopa a gratuidade das escolas infantís, a rede de casas niño no rural ou as iniciativas impulsadas con entidades sociais

Explica que Galicia é a comunidade coa menor taxa de pobreza infantil de toda España, cunha redución de case 10 puntos en só un ano ata situarse no 16%

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, puxo en valor esta mañá o papel de Galicia na implantación do sistema de Garantía Infantil Europea (GIE) e destacou que as medidas impulsadas pola Xunta teñen contribuído a que a comunidade galega conte coa taxa de pobreza infantil máis baixa de toda España.

Así o destacou durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento autonómico, onde lembrou que a Garantía Infantil Europea (GIE) é unha recomendación do Consello da Unión Europea que ten como obxectivo previr e combater a pobreza infantil,  romper o ciclo de transmisión interxeracional e fomentar a igualdade de oportunidades, garantindo aos nenos, nenas e adolescentes que se atopan en risco de pobreza ou exclusión social, o acceso efectivo e gratuíto a servizos básicos.

O director xeral explicou que para a implantación da Garantía Infantil Europea, a Xunta aposta desde o ano 2022 por unha dobre vía de actuación: por unha parte, polo reforzo orzamentario de medidas que xa foran implantadas en anos anteriores, e, por outra parte,

coa posta en marcha de medidas destinadas principalmente a colectivos concretos nos que se ten detectado que o risco de exclusión social no ámbito da infancia é maior. En total, neste eido contabilízanse 18 actuacións concretas por un importe anual de 140M€.

Entre as medidas impulsadas pola Xunta, Jacobo Rey destacou a Tarxeta Benvida, a gratuidade das escolas infantís 0-3, o programa de casas niño no rural, a gratuidade no comedor para as familias usuarias de escolas infantís con rendas baixas, o programa de axudas de inclusión social, as medidas para reducir o abandono escolar na poboación xitana ou as iniciativas de educación, apoio familiar  e reforzo socioeducativo desenvolvidas en colaboración con entidades do terceiro sector.

Na súa intervención, o director xeral destacou que en 2026 realizarase unha avaliación intermedia do programa de Garantía Infantil Europea e que o estudo final realizarase en 2030, ao termo da vixencia desta iniciativa. Con todo, explicou que, a día de hoxe, e tal como reflicten os datos publicados pola Plataforma de Organizacións de Infancia e por UNICEF, Galicia é a comunidade coa menor taxa de pobreza infantil de toda España, cunha redución de case 10 puntos en só un ano.

De feito, explicou que a taxa Arope infantil en Galicia reduciuse ata o 16%, fronte ao 34,1% que acada a media estatal. Uns datos que tamén sitúan a Galicia como única comunidade que alcanzou o obxectivo marcado polos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), cunha diferencia positiva de 4,2 puntos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2025