A Xunta adxudica a Cruz Vermella o concerto social para a xestión do Programa Básico

A previsión é que 8.000 persoas se beneficien deste programa ao que se destinan máis de 24 M€

As tarxetas moedeiro que recibirán as familias terán unha validez de 12 meses prorrogables e as súas contías oscilarán entre os 130 e os 220 euros mensuais

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a Cruz Vermella Española o concerto social para a xestión do Programa Básico, unha iniciativa de carácter estatal sufragada maioritariamente con fondos europeos e cuxo desenvolvemento recae nas comunidades autónomas. Este concerto social, cuxa resolución foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG), estará vixente durante catro anos, ata xuño 2029, cun investimento de 24,1 M€.

As tarxetas moedeiro que se entregarán ás familias terán unha validez de 12 meses prorrogables e as súas contías oscilarán entre os 130 euros e os 220 euros mensuais, en función da composición da unidade familiar. Estas tarxetas poderán empregarse nos establecementos colaboradores do programa.

As solicitudes de acceso a dispoñer destas tarxetas tramitarase a través dos servizos sociais dos concellos. A entidade social adxudicataria deste concerto encargarase da distribución das tarxetas, de facilitar información sobre os recursos sociais dispoñibles e de proporcionar medidas de acompañamento social ás persoas beneficiarias do programa, tales como o asesoramento sobre a xestión dun orzamento doméstico e a promoción de hábitos de alimentación saudables.

A previsión é que 8.000 persoas se beneficien deste programa que no ano 2024 xa foi xestionado por Cruz Vermella a través dun convenio de colaboración e durante o cal se executaron todos os fondos asignados a Galicia.

Data de actualización: 21/12/2025